Asinado o contrato para acometer as obras de ampliación do parque infantil de Campo Castelo

As obras, que comezarán de inmediato, consisten na creación dunha nova zona de xogos específica para nenos e nenas de ata 3 anos xunto ao actual espazo

Martes, 14 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Asinado o contrato para acometer as obras de ampliación do parque infantil de Campo Castelo

O Goberno local asinou este martes o contrato para a execución das obras de ampliación do parque infantil da praza de Campo Castelo, unha actuación incluída no Plan de Barrios do Concello que foi adxudicada pola Mesa de Contratación a Calfensa Proyectos SL por importe de 22.383,94€.

Este proxecto dá resposta a unha importante demanda da cidadanía, pois a gran afluencia de nenos e nenas coas súas familias a este recinto fai que se quede pequeno en moitas ocasións.

As obras, que comezarán de inmediato, consisten na creación dun novo parque infantil específico para nenos e nenas de ata 3 anos xunto ao actual espazo de xogos. Terá unhas dimensións de 5,3 por 10 metros, e incluirá diversos elementos de xogos infantís, como saltadores, balancín, un castelo con tobogán e unha casiña.

O prazo máximo para a execución da subministración e instalación dos xogos infantis é de 30 días dende a data de formalización do contrato administrativo e o mantemento integral de toda a infraestructura será de dous anos dende a acta de recepción.

O Concello ten en macha ademais as obras de ampliación do parque infantil de Albeiros, actuación enmarcada igualmente no Plan de barrios. Ampliarase a zona de xogos existente, tanto na parte para nenos de 0 a 3, como na destinada aos de maior idade. Incluiranse xogos como un circuíto de habilidades, columpios, carrusel xiratorio inclusivo, casiña de xogos con paneis didácticos, entre outros. Neste caso, procederase a maiores á mellora  do espazo de lecer existente, coa reparación do pavimento e do céspede artificial, a colocación dunha valla de madeira e o acondicionamento e repintado dos propios xogos. O presuposto ascende a 89.000€.

Multimedia

  • Asinado o contrato para acometer as obras de ampliación do parque infantil de Campo Castelo

Noticias relacionadas