As asesorías xuvenís xurídica e psicolóxica do Concello atenderon no que vai de ano a máis dun cento de persoas

Os temas máis demandados na consulta xurídica son cuestións relacioandas co dereito civil e administrativo, seguidas de asuntos laborais e penais

Os motivos de consulta psicolóxica foron principalmente por cuestións  familiares (30,4%) e por mellorar as relacións sociais (29,5%)

Luns, 07 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

No que vai de ano as asesorías xuvenís xurídica e psicolóxica do Concello de Lugo atenderon a máis dun cento de persoas, 61 demandaron información na xurídica e 54 na psicolóxica. Trátase de oficinas de asesoramento que a entidade local puxo en marcha para atender, de xeito gratuíto, as dúbidas dos mozos e mozas que lles poden xurdir coa súa incorporación ao mundo adulto.

O 70% dos usuarios da asesoría xurídica, que ofrece servizo de información e asesoramento a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos, foron homes e o 30% mulleres. Esta cifra supón invertir a tendencia dos últimos anos, na que a maioría das persoas demandantes de asesoramento eran mulleres.

Os temas máis demandados na consulta xurídica son cuestións relacionadas co dereito civil e administrativo, seguidas de asuntos laborais e penais. Máis do 70% dos usuarios repiten o servizo.

O 16% dos asistentes que se achegaron á terceira planta do centro de convivencia Uxío Novoneyra a demandar asesoramento xurídico eran de orixe estranxeira.

Por outra banda, os motivos de consulta piscolóxica foron pirncipalmente por cuestións familiares (30,4%) e por mellorar as relacións sociais (29,5%), Esta asesoría tamén atendeu a lucenses en busca de pautas educativas para os seus fillos adolescentes, 19%. A esta asesoría tamén se achegaron mozos en busca de axuda por adicción a videoxogos, por ansiedade, por mellorar a relación de parella, por sufrir acoso escolar, por consumir sustancias e por causa de depresión.

Audio

Noticias relacionadas