Arroxo: “unha vez a Xunta notifique a cesión de San Eufrasio iniciaremos o procedemento de contratación”

O Tenente de Alcalde afirmou que “desde que chegamos ao goberno, esta actuación foi un dos eixos de traballo da concellería de Infraestruturas”

A concellería de Infraestruturas proxectou o investimento no suplemento de crédito aprobado en xullo

Venres, 16 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arroxo: “unha vez a Xunta notifique a cesión de San Eufrasio iniciaremos o procedemento de contratación”

O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou que desde a concellería de Infraestruturas se continúa a traballar na construción da rotonda en San Eufrasio. “Unha vez recibamos no concello a notificación da Xunta de Galiza coa cesión do terreo, iniciaremos o proceso de contratación da obra para mellorar esa vía o antes posíbel”, explicou Rubén Arroxo. Arroxo informou que “esta actuación permitirá mellorar o funcionamento da intersección e aumentar a seguridade vial, eliminando un punto negro da cidade”.

Rubén Arroxo lembrou que “desde que chegamos ao goberno, a actuación de San Eufrasio foi un dos principais eixos de traballo da concellería de Infraestruturas”. O persoal técnico da concellería de Infraestruturas comezou a manter xuntanzas co persoal da Xunta de Galiza durante o ano 2019. No mes de outubro do 2019, o edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, enviou un primeiro escrito á Xunta para comezar o proceso de xeito institucional. Unha vez recibida a resposta, e con toda a documentación preparada, a Xunta de Goberno Local solicitou formalmente a cesión do vial.

“Onte enterámonos da resolución favorable do Consello da Xunta a esta solicitude”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “o proxecto está listo para comezar o procedemento de contratación e no suplemento de crédito aprobado no mes de xullo xa se prevía unha partida destinada a este fin”. O proxecto sairá a licitación por un máximo de 153.031,59€. O persoal técnico de Infraestruturas baseouse en estudos realizados pola USC para acreditar a mellora na fluidez da circulación deste proxecto.

Audio

  • O concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, sobre San Eufrasio | Descargar mp3

Noticias relacionadas