Arroxo anunciou o comezo da renovación do alumeado público da Fonte dos Ranchos

“Realizamos unha importante inversión en renovación de luminarias, reducimos o consumo e aumentamos a calidade de vida”, explicou Arroxo

A área de Infraestruturas renovará as canalizacións e a instalación eléctrica e mudará as actuais luminarias por LED para reducir o consumo enerxético

Venres, 29 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arroxo anunciou o comezo da renovación do alumeado público da Fonte dos Ranchos

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, informou que o vindeiro luns comezarán os traballos de renovación da iluminación da Fonte dos Ranchos, da rúa Doutor Ochoa e do primeiro treito da avenida das Américas, até o cruce coa rúa Ameneiro. Segundo explicou Rubén Arroxo, “este investimento permitirá aforrar mensualmente no consumo eléctrico, avanzando cara a unha cidade máis ecolóxica, e tamén nos recursos dedicados ao mantemento, xa que se renovará toda a instalación”.

A actuación licitouse por 268.934€ e un prazo de execución de 3 meses. Mudaranse máis de 60 luminarias, o que permitirá unha redución de ata o 50% do consumo eléctrico con respecto ao actual, cumprindo igualmente con todas as indicacións do regulamento de eficiencia enerxética para alumeado exterior. Rubén Arroxo lembrou que “no último ano e medio realizamos un investimento de 2.450.000€ adicado á renovación do alumeado público da cidade, substituíndo elementos contaminantes utilizados nas instalacións antigas, como luminarias de vapor de mercurio, por luminarias LED de baixo consumo enerxético”.

 Arroxo explicou que “a mellora do alumeado aumentará tamén a visibilidade e a seguridade da veciñanza da contorna”, e lembrou que “tratamos de realizar intervencións nos distintos barrios para que o mantemento de toda a cidade avance de maneira uniforme, planificando actuacións a partir das solicitudes veciñais e das visitas aos distintos barrios”.

Noticias relacionadas