Arrincan catro programas do Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias comeza hoxe unha serie de actividades dirixidas a mozas e mozos do Concello e subvencionadas polo Plan Nacional de Drogas e a venda de obxectos decomisados na loita contra as drogas.

O primeiro destes programas leva por título “E ti, ¿comunicas?” e consiste nunha serie de sesións para promocionar as habilidades sociais. Terán lugar todos os xoves e venres até o 23 de marzo, de catro a sete da tarde. Está dirixido a mozas e mozos de 12 a 20 anos. Desenvolverase na terceira planta do Centro Social Uxío Novoneyra.

O segundo dos programas será un ciclo de cine xuvenil que, co título Alucine, prolongarase até o 25 de maio todos os venres. As proxeccións terán lugar no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra, entre as sete e media e as nove e media da tarde.

A primeira das películas será La espalda del mundo. O ciclo conta cun programa de 12 proxeccións con películas de varias nacionalidades e todas elas cun recoñecido prestixio, ao estar incluídas dentro do Plan Nacional contra as drogas.

Por outra banda, o día 7 de marzo o Servizo de Prevención de Drogodependencias iniciará un curso de alfabetización no Carqueixo, que se desenvolverá todos os mércores dos meses de marzo, abril, maio e xuño.

O último programa en dar comezo será un de educación para a saúde, que se celebrará todos os xoves e venres de catro a sete da tarde. Iniciarase o 29 desde mes e finalizará o 27 de abril. Está dirixido a mozas e mozos de 12 a 20 anos e se impartirá no Centro Social Uxío Novoneyra.

Noticias relacionadas