Arrinca o VI Concurso de Tapas de Lugo

Venres, 10 de setembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este sábado, 11 de setembro, arrinca o VI Concurso de Tapas e prolongarase ata o día 26 de setembro. Nesta sexta edición participan corenta establecementos e as tapas que presentan a concurso están elaboradas con produtos de calidade da nosa terra, ben sexa seguindo a tradición da gastronomía galega ou as novas vangardas culinarias.

Na presentación do concurso o Concelleiro de Turismo, Jose Manuel Díaz Grandío, alabou a calidade das creacións gastronómicas: “Como poderedes comprobar, un ano máis os hostaleiros lucenses poñen o millor do seu talento para elaborar unhas tapas exquisitas e que fan gala do famoso lema que recolle o espírito da extraordinaria gastronomía lucense: “E para comer, Lugo”

O público poderá degustar as tapas en horario mínimo de 13:00 a 15:30 horas e de 20:00 a 22:30 horas (os establecementos teñen liberdade para amplialo segundo consideren) e o prezo das tapas está comprendido entre 1 e 3 euros. Cada un dos locais participantes conta cun cartel identificativo co nome do local e da tapa coa que concursa; tamén dispón dunha urna e de tarxetas para que os clientes depositen os cupóns de votación. Cada persoa só poderá emitir un voto por local e deberá avaliar a calidade da tapa atendendo a criterios como o sabor, a presentación, o servizo ou os ingredientes e, segundo considere, valorará unha puntuación que vai do 1 ao 7.

O Concello de Lugo editou un folleto no que figuran o nome dos establecementos, o das tapas, un plano de localización e os cadros para os selos dos locais. Para participar no sorteo dos distintos agasallos que se sortearán entre os clientes deberán acadarse doce selos. Este folleto pódese recoller en cada un dos bares e restaurantes participantes e na Oficina Municipal de Turismo.

Será o público quen decida os gañadores da Tapa Creativa San Froilán e da Tapa Tradicional San Froilán a través do sistema de votación popular, que se pode realizar de dúas maneiras: por votación directa na urna do local ou vía internet a través das webs www.lugo.es e www.lugoturismo.com.

Do reconto destes votos tamén sairán os 30 establecementos semifinalistas (15 por cada modalidade) e un xurado designado pola organización será o encargado de outorgar as outras cinco categorías de premios contempladas nas bases: 1º e 2º Premio de Tapa Creativa, 1º e 2º Premio de Tapa Tradicional e un Premio á Tapa que mellor maride co viño D.O. Ribeira Sacra ou que mellor use este elemento como ingrediente.

Os días 29 e 30 de setembro o xurado elixirá aos catro finalistas de cada categoría e será o 1 de outubro cando se coñezan os gañadores do VI Concurso de Tapas de Lugo que recibirán unha placa conmemorativa e insercións de publicidade. O acto de entrega dos galardóns terá lugar en outubro, coincidindo coas Festas de San Froilán.

Tamén se procederá á realización dos sorteos dos premios ofrecidos por varios locais aos que opta o público que participe co seu voto no concurso. Os clientes que acumulen un mínimo de doce selos de diferentes establecementos participarán no sorteo de agasallos como: catro lotes de viño D.O. Ribeira Sacra, catro estancias de fin de semana no Gran Hotel e dez entradas ao Club Termal do Gran Hotel de Lugo.

Para máis información consultar as webs www.lugo.es e www.lugoturismo.com.

Pode descargar este arquivo PDF cos participantes desta edición e un mapa coa situación de cada establecemento

Participa !

Noticias relacionadas