Arrinca o programa de verán dos centros sociais

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As ociotecas e aulas abertas comezarán a funcionar o 25 de xuño en horario de mañá e tarde

Os cinco centros sociais do Concello de Lugo ofertarán novamente este verán numerosas actividades e obradoiros para os que se abre a próxima semana o periodo de inscrición.

Serán un total de 445 prazas para rapaces e 250 para adultos as que estarán dispoñibles para os obradoiros que, como todos os anos, estarán máis orientados aos rapaces. Así o anunciou hoxe a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre.

O programa dos centros sociais varía sempre nos meses de xullo e agosto, cando os obradoiros pasan a celebrarse pola mañá e se orientan aos pequenos para axudar a conciliar a vida familiar e laboral.

Por isto, un 40% das prazas están reservadas para usuarios dos servizos sociais de atención primaria e persoas con discapacidade. Tamén terán preferencia os fillos de mulleres vítimas de malos tratos.

As actividades para os rapaces están orientadas ás actividades manuais como pintura, ou manualidades, contacto coa natureza, xogos de cores e informática. Todas elas serán gratuítas.

Para os adultos tamén se manterán algunhas actividades como español para estranxeiros, en iniciación e avanzado, bioximnasia e estrean este ano unha xinmnasia especializada para persoas con enfermidades renais, que se desenvolverá no Centro Social da Milagrosa de xeito gratuíto do 2 de xullo ao 31 de agosto.

Recupérase a actividade de tai chi ao aire libre, que tivo un gran éxito o ano pasado e unha importante demanda. Esta actividade está aberta a toda a poboación sen necesidade de inscrición previa. Terá lugar todos os luns e mércores de xullo e agosto de dez e media a once e media no parque Rosalía de Castro. Os martes e xoves será pola tarde, de sete e media a oito e media, no parque da Milagrosa.

OCIOTECAS

Para complementar a oferta, as ociotecas ou aulas creativas comezarán a funcionar tamén pola mañá, de nove a dúas e de catro a oito e media. Seguirán no seu lugar habitual, na Milagrosa, Fontiñas e Uxío Novoneyra. Están destinadas novamente a nenas e nenos de 3 a 12 anos.

As ociotecas comezarán a funcionar con horario completo en canto remate o curso, o 25 de xuño. Ademais, volverán funcionar en xullo e agosto as aulas abertas, concretamente nos centros sociais de Fingoi e da Milagrosa. En total, Carmen Basadre indicou que se cubrirán até 200 prazas gratuítas e con horario de libre asistencia.

Para rapaces de 12 a 16 anos tamén haberá un obradoiro literario titulado “O desenvolvemento, unha materia pendente”. Baséase no libro e DVD “O son das buguinas”, promovido para paliar as consecuencias do tsunami do 2004, no que morreron máis de 300.000 persoas.

O obxectivo deste obradoiro é fomentar os hábitos de lectura, motivar aos rapaces e rapazas nos temas sociais e na solidaridade, implicar directamente á xente nova no respecto e na igualdade de homes e mullleres e incentivar ao público xuvenil a usar os servizos da Axencia de Lectura.

Terá lugar o 15 de xuño de 2007 a partir das seis e media da tarde en Fingoi.

OUTRAS ACTIVIDADES

Haberá tamén nestes meses de verán cine ao aire libre coa proxección de cinco películas, a partir das nove, na praza do Castiñeiro os días 27 de xuño, 12 e 26 de xullo e 9 e 23 de agosto.

Haberá tamén dous cursos organizados polo Servizo de Prevención de Drogadicción. O primeiro será de informática, do 17 de xullo ao 31 de agosto, destinado a xente nova e que se impartirá no Telecentro do Castiñeiro todos os martes e xoves de once a doce.

Así mesmo, impartirán outro de primeiros auxilios en caso de drogadicción, do 20 ao 24 de agosto, de once a unha no centro social Uxío Novoneyra.

Dirixida a todos os públicos, se celebrará unha excursión en cada centro social os días 11 e 18 de xullo e o 8, 22 e 29 de agosto. Os lugares escollidos serán Valdoviño, San Andrés de Teixido, praia de Montalvo, Porto do Son e Mondoñedo. Son abertas a toda a poboación e os rapaces poderán ir gratuitamente.

Noticias relacionadas