Arrinca a humanización de Paradai coa creación dunha nova zona de descanso na confluencia de Río Sil, Hórreo e Ferro Caaveiro

A actuación, impulsada pola área de Medio Ambiente, pretende mellorar a habitabilidade do barrio e ofrecer un novo punto de encontro á veciñanza.

A obra terá un prazo de execución de tres meses e suporá un investimento municipal de 48.373 euros.

 
Mércores, 09 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arrinca a humanización de Paradai coa creación dunha nova zona de descanso na confluencia de Río Sil, Hórreo e Ferro Caaveiro

O Executivo de Lara Méndez humanizará Paradai coa creación dunha nova área de descanso na confluencia das rúas Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaverio.

Este mércores comezaban os labores para executar a intervención, coa sinalización dos traballos nos que se investirán 48.373 euros.

A actuación, coa que se pretende rexenerar este barrio da capital, se concretará coa creación dun pequeno percorrido peonil circular, cunha traza en planta semellante a un oito, e disporá dun banco continuo da mesma forma. Este conxunto encerrará unha gran árbore cuxa misión será a de proxectar sombra sobre a superficie de asento. Igualmente contará con iluminación indirecta para achegar calidez nocturna ao espazo reformado.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisou o inicio das tarefas que terán un prazo de execución de tres meses.

Nos próximos días procederase a retirar o pavimento existente para crear unha nova zona verde e, a continuación, cimentarase a estrutura prevista co perfil específico e acometerase o muro de formigón curvado e o banco continuo que terá ao redor de 29’50 metros de lonxitude. O asento estará revestido dun laminado compacto decorativo de alta presión”, explicou o edil.

Fernández lembrou tamén que con este tipo de elemento e a súa disposición en planta preténdese crear un percorrido circular dentro da pequena praza. “Toda a superficie exterior ao mobiliario exposto dentro da zona de actuación converterase nun manto de céspede ornamental e a área interior que pecha o muro acollerá un xardín que terá como protagonista principal unha gran árbore, ademais de dotar a parcela - de 134’22 m² - de iluminación led no perímetro do mobiliario alén de con balizas e luminarias empotrables.

Trátase dunha actuación coa que dende o Goberno local queremos dar resposta ás demandas veciñais que nos trasladou o seu interese por dispoñer dun punto común de encontro. De maneira que, ao tempo que posibilita a socialización, axude a mellorar, tamén, a súa imaxe dentro do conxunto da cidade atendendo, polo tanto a un triple obxectivo: urbanístico, social e de servizos que vai en consonancia co resto de accións que estamos levando a cabo noutros barrios da capital sempre co obxectivo de incrementar a súa habitabilidade e confort para a poboación”, concluíu o tenente de alcaldesa.

Multimedia

  • Arrinca a humanización de Paradai coa creación dunha nova zona de descanso na confluencia de Río Sil, Hórreo e Ferro Caaveiro

Noticias relacionadas