Arrinca a construción do Skate Park co que o goberno de Lara Méndez amplía a oferta deportiva municipal

A alcaldesa e o edil de Deportes supervisaron o inicio dos traballos que terán un prazo de execución de 16 semanas.

No deseño da instalación, apta para debutantes e expertos da patinaxe, tivéronse en conta as aportacións dos colectivos locais desta modalidade.

O recinto, que se prevé abrir no mes de xullo, estará ubicado xunto ao equipamento do Centro Comercial as Termas.

Luns, 12 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arrinca a construción do Skate Park co que o goberno de Lara Méndez amplía a oferta deportiva municipal

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Deportes, Miguel Fernández, supervisaron o inicio dos traballos de construción do novo Skate Park co que a rexedora quere ampliar a oferta deportiva municipal.

Trátase dunha pista de 887 m², na que o executivo de Lara Méndez investirá 215.077 euros e que estará localizada na zona pública existente ao carón do centro comercial As Termas, entre a rúa Veiga Grande e a avenida Fabio Paulo Máximo.

A alcaldesa explicou que “para o seu deseño foron tidas en conta as aportacións que os colectivos locais lle fixeron chegar ao responsable de Deportes, indicando as súas propostas e preferencias para, na medida do posible, poder incorporalas ao proxecto”, ao tempo que sinalou a vontade do goberno local de proceder á súa apertura no mes de xullo, tendo en conta que o prazo de execución da mesma é de 16 semanas.

Lara Méndez, salientou que “se trata dunhas instalacións moi completas que servirán para a práctica das dúas modalidades principais do skateboarding: street e park, mantendo unha proporción e relación entre ambos espazos que lle aportará gran flexibilidade e que completarán a polivalencia da contorna que xa dispón de canchas de baloncesto e fútbol así como de varios parques infantís”.

Así, a alcaldesa, Lara Méndez, sinalou que “todos os elementos do recinto estarán integrados nun espazo único e completo que permitirá aproveitalo no seu conxunto, con liñas de patinaxe para todos os gustos e apto tanto para debutantes como para usuarias e usuarios expertos”.

Durante a visita realizada á zona, a rexedora indicou igualmente que este novo equipamento municipal estará rodeado por camiños pavimentados peonís nos que tamén se habilitarán aparcabicis preto dos accesos, “dentro do modelo de mobilidade sostible que defendemos dende o executivo local”.

Lara Méndez, lembrou que a empresa Roig I Fills Associats é a adxudicataria da obra que tamén se encargará da conservación da pista durante os cinco anos de garantía acordados nos pregos de contratación, “para velar polo seu axeitado mantemento”, concluíu a alcaldesa.

Multimedia

  • Arrinca a construción do Skate Park co que o goberno de Lara Méndez amplía a oferta deportiva municipal

Noticias relacionadas