Arrancan as viaxes á praia subvencionadas polo Concello

Lara Méndez e Ana González despediron aos primeiros 43 participantes desta iniciativa, que ofrece unha alternativa cultural e de lecer nos meses de verán

As seguintes viaxes programadas terán lugar o mécores 22 de xullo á Coruña; o 29, a Betanzos e Ferrol; o 5 de agosto, a Cariño; o 12, a Viveiro; e o 19, a Foz

Mércores, 15 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo arrancou este mércores as viaxes á praia subvencionadas. Trátase de excursións, que terán lugar nos meses de xullo e agosto, dirixidas a toda a poboación, en especial ás familias, que ofrecen unha alternativa cultural e de lecer nos meses de verán.

A Alcaldesa, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social, Ana González, despediron este mércores aos 43 primeiros beneficiarios desta iniciativa, que partiron ás 9.00 horas dende diante do Centro de Convivencia Fingoi con destino ás praias de Ribadeo. Volverán a Lugo sobre as 19:00 horas.

Méndez desexoulles unha boa viaxe, ao tempo que lembrou que “estas viaxes están pensadas para que as persoas que non teñan a oportunidade de achegarse á praia poidan facelo de maneira máis económica”, pois soamente deberán aboar 4,12 euros.

A seguinte viaxe programada será o vindeiro mércores 22 de xullo á Coruña. O 29 de xullo os beneficiarios visitarán a zona e as praias de Betanzos e Ferrol; o 5 de agosto as de Cariño; o 12 de agosto, a Viveiro; e finalmente, o 19 de agosto, a Foz. En caso de mal tempo, haberá unha alternativa de viaxe, á vila ou a cidade máis próxima.

Multimedia

Noticias relacionadas