Arranca o X Salón do Cabalo de Galicia Equigal coa colaboración de Concello e Deputación

A Alcaldesa, o Presidente provincial e o xerente da Fundación Feiras e Congresos inauguraron o certame, que, segundo as previsións da organización, reunirá a unhas 14.000 persoas na cidade esta fin de semana

Venres, 28 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inauguraron este venres, xunto ao xerente da Fundación Feiras e Congresos, Ru a X edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo durante esta fin de semana. Entidade local e provincial colaboran na organización do certame, que reunirá, segundo as previsións da Fundación Pazos e Congresos, a unhas 14.000 persoas.

A rexedora apuntou que Equigal “converte cada ano a Lugo na capital do cabalo de todo o Noroeste peninsular e mesmo de toda España. De feito, este certame está entre os 5 mellores de todo o país, danse cita os mellores xinetes e eguadas do territorio nacional e acolle actividades para todo tipo de públicos en torno ao mundo do cabalo que atraen a milleiros de persoas”.

Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación de Lugo estamos moi comprometidos con este tipo de iniciativas, que supoñen un grande revulsivo económico para a cidade de Lugo pero tamén para a provincia. E fixémolo porque sabemos da importancia que teñen estas citas deportivas, que moven, de media, a máis de 10.000 visitantes, que puideron desfrutar da riqueza que temos na nosa provincia”.

O principal evento da programación de Equigal é o Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, no que se darán cita 120 cabalos das mellores ganderías, tanto do territorio galego coma do resto de España.

Para seleccionar os exemplares, levarase a cabo un estudo da morfofuncionalidade dos exemplares. Por unha parte, clasificaranse os participantes segundo a calidade racial (fidelidade ao prototipo racial definido) e os aires naturais que presenta; e por outra, valoraranse as aptitudes de cada exemplar en canto á monta e a doma, de acordo a uns exercicios básicos e os seus respectivos movementos.

Actividades de lecer
Ademais do concurso morfolóxico arredor da Pura Raza Española, o salón Equigal acollerá 3 espectáculos ecuestres relacionados co mundo dos cabalos, dous deles gratuítos e un de pago.

Hoxe celebrarase o espectáculo de Doma de cabalos de Pura Raza Galega da man do polifacético Xacobo Pérez Paz e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Na xornada do sábado 29, os protagonistas serán os xinetes do Espectáculo do Carrusel Hípica Amazonas.E tras eles, terá lugar o Espectáculo “Duende ecuestre, el arte a caballo”, a cargo do Centro Ecuestre El Rebollido.Este espectáculoterá un novo pase na xornada do domingo 30; neste caso, a entrada custa 10 euros para os adultos, e 5, para os nenos.

O X Salón do Cabalo tamén conta con actividades de lecer infantil relacionadas co mundo ecuestre. Así, os máis pequenos terán á súa disposición inchables, obradoiros e un poni clube supervisado por monitores, que ofrecerá a oportunidade de tomar contacto por primeira vez coa arte da equitación, cun animal caracterizado pola súa nobreza e mansedume. A programación complétase coa zona expositiva, que inclúe postos de artesanía e produtos do campo.

A entrada de Equigal 2017 ten un prezo de 3 euros, dos cales unha parte serán doados a Fundación de Dano Cerebral (FUDACE).

Noticias relacionadas