A área de Xuventude propón para este Nadal sesións de Escape Room, viaxes á neve e mesmo unha Masterclass

Ana González Abelleira presentaba hoxe a programación para a mocidade que se desenvolverá na Casa da Xuventude entre o 9 de decembro e o 4 de xaneiro

Xoves, 05 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Xuventude propón para este Nadal sesións de Escape Room, viaxes á neve e mesmo unha Masterclass

Escape Room, obradoiros de cociña, xogos tradicionais e mesmo viaxes á neve, son algunhas das propostas que a área de Xuventude achega á mocidade lucense para dinamizar o Nadal.

A edil Ana Gónzalez Abelleira, presentaba esta mañá a programación que, durante as seguintes semanas encherá de actividade a Casa da Xuventude e de diversión as vacacións dos máis novos.

“Os próximos luns 9 e 16 de decembro e tamén os mércores 11 e 18 convidaremos á rapazada a desfrutar nos fogóns, preparando platos propios destas datas. E para o xoves e venres o plan pasa por elaborar un graffiti conxunto. Ademais, dende o 20 e ata o 30 deste mes haberá ata sete oportunidades de participar nunha sesión de Escape Room, ben en horario de mañá (de 12:30 a 13:30 horas) ou de tarde (20:00 a 21:00) con 84 prazas cada unha, aínda que será preciso anotarse antes”, explicou a concelleira.

Ana González anunciou tamén un roteiro de 14’5 km ao Pico dos Tres Bispos, o 14 de decembro e dúas viaxes a Leitariegos, a primeira prevista para o día 21, para 40 persoas maiores de 18 anos á que haberá que apuntarse a través do 010 ata o día 18 de decembro e, a outra, con 25 prazas, para realizar unha ruta invernal con raquetas de neve o 4 de xaneiro e co prazo de inscripción aberto ata o día 2, nesta ocasión, na Casa da Xuventude.

“Ocio si, pero deporte tamén, por iso ofreceremos clases de pilates, ioga, danza oriental e fusión, tenis de mesa e zumba ademais dunha Masterclass o venres 27, dende as cinco da tarde e ata as nove da noite, con DJ Mil na que se poderán realizar probas en mesa de mezclas”, abondou a responsable de Xuventude.

“E, para as máis miúdas e miúdos abriremos o soto da Praza de Abastos, a partir do luns 23, en horario de 17:00 a 19:00 horas de luns a venres, e de 11:00 a 13:00 os sábados para que, propiciando a conciliación familiar, poidan entreterse en igualdade con xogos tradicionais como a mariola, a chave ou os bolos. Haberá 30 prazas dispoñibles cada día, que será necesario reservar con antelación no 010. Están dirixidos a nenas e nenos de 4 a 14 anos, para os que igualmente organizamos, na Casa da Xuventude, o día 4 de xaneiro, unha xornada multiaventura con paintball infantil, scalextris e karts a pedais. Apuntádevos!!”, convidou a concelleira.

Todas estas actividades son abertas e gratuítas a excepción de Cociñando con sabor a Nadal que ten un custo de 4’10 euros.

Máis info

Audio

  • A edil Ana Gónzalez Abelleira, sobre as actividades de Nadal | Descargar mp3

Noticias relacionadas