A área de Participación restaurará a sepultura de Xoán Montes

Cristina López: “é necesario realizar esta intervención canto antes para evitar que os danos na sepultura sexan irreversibles”

A área de Participación iniciou o procedemento para reverter a concesión da unidade de enterrametos do músico lucense, a titularidade pública

Martes, 01 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Participación restaurará a sepultura de Xoán Montes

A edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou que se vén de iniciar o procedemento de declaración de ruína da unidade de enterramento número 329 do Cemiterio Municipal, a cal acolle os restos de Xoán Montes, para proceder á súa restauración. Cristina López explicou que “esta sepultura atópase actualmente nun avanzado estado de deterioro, e é necesario restaurala canto antes para evitar que os danos sexan irreversibles”.

A área de Participación comezou xa o procedemento para reverter a concesión da unidade de enterramento 329 e retornala á titularidade pública. Unha vez completado este procedemento, que se atopa actualmente na etapa de alegacións, a área de Participación procederá á súa restauración coa maior celeridade posíbel. “Non agardamos que se presenten recursos, por que entendemos que pasado todo este tempo a sepultura ten que pasar a ser propiedade do pobo de Lugo para poder darlle a dignidade que merece”, declarou Cristina López.

A edil de Participación destacou que “desde as distintas áreas da Tenencia de Alcaldía queremos honrar a un dos músicos máis destacables da  historia de Lugo, fundador da nosa Banda Municipal”. Cristina López lembrou que este ano tamén se realizou a restauración e o traslado do busto adicado ao compositor á praza Maior, en lembranza dos lugares da cidade onde desenvolveu gran parte da súa actividade musical.

Audio

  • A edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, sobre a sepultura de Xoán Montes | Descargar mp3

Multimedia

  • A área de Participación restaurará a sepultura de Xoán Montes
  • A área de Participación restaurará a sepultura de Xoán Montes

Noticias relacionadas