A área de Medio Ambiente inicia a poda do arboredo municipal composto por máis de 1.600 exemplares

As tarefas, que se levarán a cabo en máis dunha trintena de vías, se estenderán ata finais de febreiro.

Os traballos consistirán na eliminación das pólas danadas co fin de vixiar a saúde das árbores e controlar que o seu crecemento sexa proporcionado.

O edil de Medio Ambiente solicita a colaboración cidadá para facilitar a execución dos traballos que poderán implicar cortes puntuais dalgún carril de circulación.

Martes, 19 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
El área de Medio Ambiente inicia la poda de la arboleda municipal compuesta por más de 1.600 ejemplares

Esta mañá deron comezo as tarefas de poda do arboredo municipal. En total os traballos afectarán ao redor de 1.600 exemplares dunha vintena de especies distintas, distribuídas entre as rúas, onde se atopan plantados ao redor de 900, e os xardíns, nos que se contabilizan aproximadamente outros 700.

Segundo explicou o tenente de alcaldesa e responsable de área, Miguel Fernández, “os labores consistirán, fundamentalmente, na eliminación de pólas danadas, malformadas ou desviadas co fin de vixiar non só a saúde das árbores - evitando o aloxamento de parásitos e a afección de pragas - senón tamén para controlar o seu crecemento e que este sexa proporcionado e ben dimensionado coa contorna á que pertencen”.

O edil de Medio Ambiente relatou que as primeiras intervencións están tendo lugar nas rúas do Horreo, Illas Canarias, Padre Gómez e Estrada da Granxa ata Alfonso X e que, en vindeiras xornadas, se desenvolverán tamén noutras zonas da capital como son a Praza da Constitución, Praza do Campo Castelo, Praza Maior, Rúa Armanyá, Rúa Lois Peña Novo, Praza da Soidade, Ronda da República Arxentina e Ronda do Carme.

“Un mantemento que se estenderá, a continuación, pola Avenida de Ramón Ferreiro, Parque de Rosalía de Castro e as súas costas, Rúa Primavera, Ramón Montenegro e rúa dos Paxariños, de maneira que se garanta a boa conservación da ornamentación vexetal que temos en toda a cidade”, engadiu.

O concelleiro indicou igualmente que o dispositivo que se encargará das actuacións está integrado por entre tres e cinco operarios que disporán dun elevador e de dous camións para a recollida dos despoxos e que, durante a realización das mesmas, será preciso proceder ao corte dalgún carril de circulación ou ben suprimir algunhas prazas de estacionamento nas inmediacións para poder deixar os restos da ramallada ata a súa retirada.

“En calquera caso, trátase de restricións puntuais e momentáneas que poden afectar ao tráfico rodado ou á mobilidade peonil pero que serán debidamente sinalizadas con antelación, mesmo notificando aos propietarios dos vehículos que se atopen aparcados na parte da calzada afectada mediante a colocación de avisos nos parabrisas”, trasladou Miguel Fernández ao tempo que solicitou a colaboración cidadá para facilitar a execución dos traballos.

O tenente de alcaldesa referiu que o Plan de Poda adaptará estas tarefas ás demandas puntuais que poida ter o servizo, ás urxencias e, como non, tamén a climatoloxía que podería condicionar a rapidez coa que se levan a cabo e que, se prevé, rematen a finais de febreiro.

Audio

 

 

 

 

Multimedia

  • El área de Medio Ambiente inicia la poda de la arboleda municipal compuesta por más de 1.600 ejemplares

Noticias relacionadas