A área de Medio Ambiente incoa 23 expedientes con ordes de execución para limpar parcelas desatendidas polos seus titulares

Entre as primeiras notificacións figuran os soares do barrio Feijoo, Fontiñas ou Xulia Minguillón contra os que cursan denuncias formais da veciñanza

O edil Álvaro Santos explica que de non atender aos requirimentos iniciais o Concello asumirá a execución subsidiaria da roza, con cargo aos propietarios, previa imposición de sancións que irán entre os 1.000 e os 10.000 euros

Mércores, 10 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Medio Ambiente incoa 23 expedientes con ordes de execución para limpar parcelas desatendidas polos seus titulares

O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, vén de asinar esta mañá 23 ordes de execución instando aos propietarios doutras tantas parcelas a limpalas e eliminar a maleza que non só invade os seus terreos senón tamén os alleos e mesmo a vía pública.

“Na rúa San Lorenzo - no barrio Feijoo -, na Rúa Nova, Xulia Minguillón, Troneiro, Tres Marías, en Fontiñas e tamén en Alcalde Manuel Portela - parte traseira de Flor de Malva -, en Camiño Real e, xa na zona rural, en Carballido, Conturiz, San Xoan do Alto, o Veral ou Santiago de Meilán. En todas estas localizacións existen soares privados sobre os que pesan denuncias relacionadas coa súa falta de aseo e de salubridade o que, á súa vez, deriva en molestias para os residentes na contorna”, detallou o edil.

“Unha desatención que dende o Concello interpelamos a corrixir, primeiro pola vía da notificación pero, se esta non resulta suficientemente convincente, tamén pola da sanción e a da intervención subsidiaria”.

Santos Ramos lembrou que a Lei do Solo de Galicia é meridianamente clara no que ten que ver cos deberes de uso e conservación dos bens privados. “O artigo 135 recolle con concreción que os donos de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións deberán mantelos nas condicións legais para servir de soporte a ditos usos e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles. Polo que, de non respectar o sinalado na lexislación autonómica vixente, a área de Medio Ambiente procederá a incoar o correspondente expediente”.

O concelleiro explicou que, logo de trasladar unha notificación aos titulares da propiedade desatendida, o procedemento continuará, co trámite de audiencia polo prazo de 15 días, ben para que se formulen as alegacións que estimen oportunas e presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, ben para que executen as actuacións sinaladas.

“Agardamos que o escrito inicial sexa estímulo suficiente para que se proceda á roza do predio, garantindo o seu acondicionamento libre de residuos, incluído, se cómpre acometelas, a súa desifección ou desratización xa que, de non ser así – abondou Álvaro Santos -  o Concello procederá, a continuación, á súa execución forzosa de forma subsidiaria, con cargo aos obrigados e mesmo coa imposición de multas coercitivas que irán dos 1.000 aos 10.000 euros, reiterables trimestralmente, ata lograr a execución das obras ordenadas que serán inspeccionadas polos servizos municipais correspondentes”, indicou.

Necesidade de interpoñer unha denuncia oficial

O responsable de Medio Ambiente sinala que estes primeiros requirimentos cursáronse atendendo á antigüidade das denuncias e avanza que, nos vindeiros días, tramitaranse novos procedementos segundo o mesmo criterio de data de entrada no Rexistro. Santos aproveitou para facer, tamén, un chamamento á cidadanía prexudicada por situacións similares e instounos a deixar constancia de forma oficial das súas queixas para posibilitar a actuación da administración local.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre os expedientes sobre maleza (I) | Descargar mp3
  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre os expedientes sobre maleza (II) | Descargar mp3

Noticias relacionadas