A área de Gobernanza reforzará o persoal de varios servizos municipais co nomeamento de 8 funcionarios de carreira

A Xunta de Goberno tamén aprobaba hoxe a apertura da convocatoria das subvencións a ONG’s para proxectos de sensibilización social por importe de 9899 euros

Mércores, 25 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Gobernanza reforzará o persoal de varios servizos municipais co nomeamento de 8 funcionarios de carreira

O executivo local reforzará os servizos municipais co nomeamento de oito funcionarios de carreira, 5 administrativos, unha delineante, un oficial lector de contadores e unha técnica en xardín de infancia, que se veñen de aprobar esta mañá en Xunta de Goberno.

As prazas proceden da OPE 2015 – 2016, no caso dos administrativos, e do 2015 no resto, se adscribirán aos postos de traballo oportunos trala toma de posesión que, se agarda, se produza antes de dous meses.

“Con esta medida, impulsada dende a área de Gobernanza, o que queremos é fornecer distintas áreas municipais, independente da súa dirección política, para paliar a carga de traballo e axilizar todas a tarefas que teñen encomendadas e que son de vital importancia para a tramitación administrativa e a resolución das demandas cidadáns”, explicou Miguel Fernández.

Por outra banda, o portavoz socialista informaba que hoxe a Xunta de Goberno tamén aprobou a apertura da convocatoria pública das subvencións ás ong’s que desenvolven proxectos de sensibilización social en Lugo por un importe de 9899 euros.

As entidades interesadas terán un prazo de 20 días hábiles para solicitar estas achegas dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, que se resolverán nun prazo de seis meses. Para a súa concesión, teranse en conta, entre outros aspectos, a experiencia da organización, a sostibilidade da intervención ou o grao de adecuación do proxecto ás prioridades recollidas nas bases.

Miguel Fernández destacou a axilidade coa que os Servizos Sociais tramitaron este ano as axudas da convocatoria anterior, que quedarán informadas antes de que remate outubro.

Outros dos asuntos abordados na reunión semanal do equipo de goberno foron, ademáis da contratación das obras de mellora da drenaxe en tres puntos da capital por valor de 83217 euros, a concesión de 6 licenzas urbanísticas entre as que destaca o permiso de demolición do edificio número 52 da Rúa Castelao ou a legalización e remate das edificacións dun núcleo zoolóxico e centro de adestramento canino na Tolda de Meilán, así como a aprobación do contrato para o mantemento integral de ascensores e portas automáticas nas instalacións municipais por un importe anual de 24797 euros.

Noticias relacionadas