A área de Gobernanza lembra que esta semana remata o período de pagamento voluntario do IBI

Paula Alvarellos convida á cidadanía a consultar as bonificacións á ordenanza entre as que se inclúe, dende este ano, un desconto do 50% para as vivendas que, sendo residencia habitual, instalen paneis solares.

Luns, 14 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Gobernanza lembra que esta semana remata o período de pagamento voluntario do IBI

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, lembraba hoxe á cidadanía que esta semana conclúe o período voluntario para o pago do IBI.

Todas aquelas persoas que non teñan domiciliado o Imposto de Bens Inmobles poderán abonalo, segundo as formas de pago recollidas na Ordenanza Fiscal Xeral do Concello de Lugo, ata o vindeiro día 20 de xuño, dentro do prazo establecido no calendario tributario municipal”, indicou.

O gravame, un dos máis cuantiosos para o Concello supón uns ingresos estimados en torno aos 22 millóns de euros anuais.

A concelleira convidou, asemade, á cidadanía a consultar as bonificacións á ordenanza, entre as que se inclúe, dende este exercicio, un desconto do 50%, durante tres anos, para as vivendas que, sendo residencia habitual, instalen paneis solares.

Trátase dun incentivo co que pretendemos converter os tributos locais nun estímulo que convide a seguir investindo en Lugo, pero tamén nunha ferramenta de dinamización para alentar á utilización das enerxías renovables, dentro dese modelo de concello verde e sostible que nos sitúa como referente da loita contra o cambio climático”, sinalou Paula Alvarellos.

A edil recordou que, así mesmo, gozarán dunha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto, durante 3 anos, aqueles inmobles nos que estean ubicadas unicamente construcións nas que se desenvolvan total e exclusivamente actividades económicas agrarias ou gandeiras, pertencentes ao sector primario, que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal polo Pleno, por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento de emprego, que xustifiquen tal declaración.

O texto íntegro da ordenanza pode consultarse a través do seguinte enlace: http://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2021/01/ordenanza_fiscal_203_imposto_sobre_bens_inmobles.pdf

Audio

  • Paula Alvarellos, sobre o período de pagamento voluntario do IBI | Descargar mp3

Noticias relacionadas