A área de Gobernanza convocou no último ano 190 postos de traballo e rebaixou o pago medio a provedores até os 14’17 días

Estes son algúns dos logros acadados co Plan de Acción de Alcaldía co que Lara Méndez pretende completar a transformación interna do Concello neste 2021.

O Executivo dará conta, mañá, en Pleno da aprobación desta estratexia onde se recollen os avances acadados e a folla de ruta a seguir nos vindeiros meses.

“A estratexia obedece á nosa vontade de mellorar os procedementos e administrar con eficiencia os recursos públicos en beneficio da cidadanía”, afirmou a rexedora.

Entre as medidas previstas figura a actualización de varias Ordenanzas e a implantación de instrucións que axilicen a tramitación administrativa.

Mércores, 26 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Gobernanza convocou no último ano 190 postos de traballo e rebaixou o pago medio a provedores até os 14’17 días

O goberno de Lara Méndez dará conta este xoves, durante o Pleno, do Plan de Acción de Alcaldía para o ano 2021.

“Unha estratexia que, apoiada na modernización tecnolóxica e na adecuación constante á lexislación vixente, nos permitirán adaptarnos á realidade social, tan cambiante e esixente, e ás necesidades da cidadanía para ser realmente útiles como Administración”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora indicou que se trata dunha batería de actuacións, deseñadas xa no pasado exercicio en base ás debilidades detectadas pola Intervención Xeral, e coas que o executivo e, nomeadamente a área de Gobernanza - da que dependen os servizos de Contas, Contratación, Tesourería, Facenda, Inspección de Tributos, Patrimonio, Fomento, Persoal e Prevención de Riscos Laborais, pretende dar conta dos avances realizados na mellora dos procedementos internos de funcionamento de todas estas áreas, incrementando así a transparencia sobre a xestión municipal.

A propia alcaldesa, Lara Méndez, sinalou que “este Plan naceu coa vocación de facer do Concello unha xestora de servizos excelentes para a cidadanía, administrando axeitadamente os recursos públicos con eficiencia”.

Deste xeito, na Comisión de Contas, previa á sesión plenaria de mañá, o goberno local informou á Corporación dos pasos dados até o momento na procura deste obxectivo.

“Baixo un enfoque de coordinación transversal baseado na autoavaliación constante fomos quen, nos últimos meses, primeiro de analizar o estado do Concello e, logo, de artellar as pautas necesarias para corrixir as eivas que se puxeron de manifesto, facendo especial fincapé no control, fiscalización e mellora continua do labor municipal como garante das prestacións públicas”, indicou Lara Méndez.

A rexedora destacou as medidas postas en marcha en varios eidos.

Persoal

Á entrada en vigor da RPT, que permitiu dotar dun regulamento claro e ordenado para a distribución do persoal, seguiulle a posta en marcha do sistema de control horario das e dos traballadores, a creación de bolsas de emprego para 42 categorías profesionais así como a provisión da xefaturas dos diferentes servizos.

“Foi o piar para, punto e seguido – engadiu a alcaldesa - poder diminuír o volume de horas extra, que queremos continuar minorando, e ao que seguirá tamén o redeseño dos criterios – acordados coas forzas sindicais en 2019 – para o abono das produtividades”.

“Neste tempo, ademais, tramitouse un número elevado de procesos en execución das OEP aprobadas e convocáronse máis de 190 postos para a súa cobertura en propiedade, que se efectivizarán antes de que remate o 2021”, abondou Méndez.

A rexedora apuntou que debido ás circunstancias sanitarias tivo que adiarse o cronograma establecido para a realización dun Plan de Formación para as e os empregados municipais, cuxa realización se prevé – xa recuperada parcialmente a normalidade – no último trimestre do ano.

“Un momento no que agardamos poder contar tamén coa aplicación informática – contemplada xa nos actuais presupostos – que permita a elaboración das nóminas e a súa debida integración con aqueles sistemas que prestan soporte á xestión orzamentaria e á contabilidade municipal co fin de dar cobertura á totalidade das circunstancias relativas á vida administrativa do persoal e ao seu correspondente rexistro”, subliñou a alcaldesa.

Contabilidade

Ao respecto da tramitación das facturas, Lara Méndez subliñou unha vez máis o esforzo realizado pola Institución para dotar de liquidez ao tecido produtivo local dende o comezo da pandemia, habilitando axudas directas pero tamén priorizando o pagamento aos provedores.

“O que queda manifesto na consecución da diminución do período medio de pago até os 14’17 días, segundo reflicte o dato oficial do mes de marzo (último publicado),  froito das medidas adoptadas pola Tesourería xeral coa colaboración da Intervención”.

“Aínda así, queremos seguir axilizando estes procedementos polo que contamos ter aprobada, antes de que finalice este 2021, unha instrución que lles imprima maior dilixencia”, avanzou a rexedora.

Contratación

Xa en materia de contratación, Méndez encadrou no segundo semestre do ano a posta en funcionamento dunha aplicación que sirva de rexistro aos operadores económicos interesados en participar nas convocatorias de contrato menor celebradas polo Concello de Lugo.

“Un mecanismo que exercerá, á súa vez, de plataforma de publicidade en tempo real das necesidades que a través deste tipo de contratación pretenden satisfacer as unidades xestoras de gasto municipais”, indicou.

Ingresos Públicos

A alcaldesa agarda que tamén estea operativa nesas datas a asistencia técnica para a colaboración nas tarefas de inspección de tributos municipais e actualización dun programa de inspección tributaria municipal que permita acadar a efectiva igualdade fiscal da cidadanía.

Un procedemento aprobado en Xunta de Goberno hai unha semana e co que o executivo quere incrementar a recadación obtida en 2020 e que se situou nos 2.513.824 €, polos conceptos de ICIO, IAE e a taxa do 1’5 % sobre a facturación que as empresas explotadoras de servizos de subministración deben abonar polo aproveitamento especial que fan da vía pública.

“Unha cantidade que esperamos se incremente en máis dun millón de euros xa que con esta asistencia teremos capacidade para poder inspeccionar tamén os exercicios que aínda non prescribiron (4 anos)”, aclarou Lara Méndez.

A rexedora adiantou, alén, que o obxectivo do goberno local é aprobar este mesmo ano unha Ordenanza Xeral Reguladora de Prezos Públicos, “actualizada e flexible”, adaptada á realidade administrativa e prestacional do Concello, así como modificar a Ordenanza Fiscal que regula o Imposto de Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (Plusvalía), de maneira que sexa o propio suxeito pasivo ou contribuínte quen realice a declaración do feito impoñible e, en base aos datos declarados, efectúe a liquidación do imposto determinando a cota tributaria, posibilitando, así, concentrar os esforzos municipais noutros aspectos da xestión, incluída a devandita inspección deste tributo co fin de axilizar a recadación efectiva de recursos”.

Para concluír, a alcaldesa de Lugo encadrou tamén na recta final do ano, a publicación do conxunto de datos que deben figurar no Portal de Transparencia municipal, “tal como se atopa deseñado neste intre ao abeiro do proxecto Lugo Smart”.

Noticias relacionadas