A área de Deportes traballa na homologación do Medio Maratón Cidade de Lugo

A proba, que terá lugar o domingo 10 de maio, ofrece nesta IV edición un novo circuíto de dúas voltas nas que as e os atletas percorrerán as zonas máis emblemáticas da capital

O ex atleta internacional Reyes Estévez será o padriño da competición que contará tamén coa presenza de Fermín Cacho e Abel Antón

Mércores, 04 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Deportes traballa na homologación do Medio Maratón Cidade de Lugo

O edil de Deportes, Miguel Fernández, o director comercial de El Progreso, José María Vilabrille, e a presidenta de Unicef Galicia, Myriam Garabito, presentaban hoxe o IV Medio Maratón Cidade de Lugo, que se celebrará o próximo domingo, 10 de maio, organizado polo xornal El Progreso en colaboración co Concello de Lugo.

No acto de presentación, o concelleiro agradeceu “o interese do Grupo El Progreso por iniciar e darlle continuidade a este evento deportivo na cidade que naceu para dar resposta ás demandas dos e das atletas lucenses e que xa se ten consolidado como unha das citas máis importantes do atletismo a nivel municipal, despois do circuíto Corre con Nós e a Lugo Monumental”.

Miguel Fernández subliñou o gran interese da cidadanía nesta proba “que, xa dende a  primeira edición tivo unha gran aceptación e que, tamén en 2020, agardamos teña unha excelente acollida e que ademais sirva ás e aos participantes non só para gozar da competición en sí mesma senón tamén para desfrutar ao máximo da súa estancia na capital”.

O IV Medio Maratón Cidade de Lugo ofrece este ano dúas novidades. A máis transcendente, segundo destacou o edil “é que, o Concello está a traballar na obtención da súa homologación para darlle recoñecemento e validez ás marcas acadadas polos deportistas. Esto permitirá oficializar campionatos e atraer a Lugo outras probas análogas, convertendo ao municipio nun referente do turismo atlético a nivel nacional”.

Fernández referiu tamén que o circuíto pasará a ter dúas voltas de dez quilómetros cada unha, distancia á que cómpre engadir os 1.097m da cola de saída.

“Simplifícase o percorrido, o que vai posibilitar a ampliación das inscricións, antes limitada a 1.500 persoas. Ademais, o novo trazado, máis chairo e óptimo para a consecución de bos resultados deportivos, permitirá aos corredores e corredoras pasar por zonas tan representativas da cidade como a Rolda da Muralla, a Avenida da Coruña, o barrio da Milagrosa, o Casco Histórico e mesmo a Catedral ou a avenida de Ramón Ferreiro e o Parque de Rosalía”, indicou o responsable de Deportes. “Nunha nova ocasión o Medio Martón será, por tanto, un dos nosos mellores escaparates”, concluíu Miguel Fernández.

A proba que terá ademais un marcado carácter solidario, xa que parte do recadado polas inscricións será donado a Unicef Galicia, terá como padriño ao ex atleta internacional Reyes Estévez e contará tamén coa presenza de Fermín Cacho e Abel Antón fieis, cada ano, a esta competición.

O prazo para anotarse permanecerá aberto dende hoxe e até o próximo 6 de maio.

Máis info

  • Percorrido do IV Medio Maratón Cidade de Lugo | Descargar pdf
  • Percorrido e sectores do IV Medio Maratón Cidade de Lugo | Descargar pdf

Audio

  • O edil de Deportes, Miguel Fernández, sobre o IV Medio Maratón Cidade de Lugo | Descargar mp3

Multimedia

  • A área de Deportes traballa na homologación do Medio Maratón Cidade de Lugo
  • A área de Deportes traballa na homologación do Medio Maratón Cidade de Lugo

Noticias relacionadas