A área de Deportes convoca unha nova edición das Bolsas Municipais ao Talento Deportivo

O Executivo de Lara Méndez aprobará este mércores unha partida de 23.795 euros para sufragar estas axudas coas que se quere recoñecer o esforzo e a mensaxe de superación que transmite a mocidade deportista lucense.

Poderán concorrer a estas achegas as persoas federadas que naceran entre 2002 e 2007 e que acrediten logros deportivos na pasada tempada.

Martes, 28 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Deportes convoca unha nova edición das Bolsas Municipais ao Talento Deportivo

A área de Deportes convocará nos vindeiros días unha nova edición das Bolsas Municipais ao Talento Deportivo.

Unha iniciativa coa que o Executivo de Lara Méndez pretende recoñecer “non só o esforzo e a valía das e dos nosos deportistas máis novos, senón tamén proxectar a mensaxe de superación que eles e elas transmiten á sociedade”, sinalou a rexedora.

A alcaldesa anunciou que o vindeiro mércores a Xunta de Goberno aprobará a consignación dunha partida de 23.795 euros cos que se sufragarán estas achegas dirixidas a fomentar a práctica da actividade física e lembrou que, este pasado verán, o Concello deu un paso máis aló coa organización da I Gala aos Talentos Deportivos para enxalzar o mérito destes mozos e mozas.

“Unha homenaxe que lles brindamos para trasladarlles publicamente que os seus logros individuais son ás para o prestixio que Lugo está a acadar no panorama nacional que con tantos e tan bos referentes conta grazas ás súas altas capacidades”, subliñou Méndez.

“Embaixadores e embaixadoras da cidade, alí por onde pasan, que contribúen a poñer tamén de manifesto o bo facer das escolas de base e aos que, dende as Administracións, non podemos senón apoiar – sabedores, ademais, dos sacrificios que fan as súas familias - como mostra do noso compromiso coas novas xeracións e para posibilitar que poidan cumprir os seus soños sen afastarse da casa”, engadiu a alcaldesa.

Pola súa banda, o edil de Deportes, Mauricio Repetto avanzou algúns dos requirimentos da convocatoria deste ano.

“Poderán concorrer a estas subvencións todas as rapazas e rapaces que naceran entre os anos 2002 e 2007 – e sen límite de idade para o/as deportistas con discapacidade – que, estando federados o ano pasado, destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como nacional”.

“O noso obxectivo é impulsar a práctica e mellorar o rendemento deportivo da mocidade lucense nas súas respectivas modalidades competitivas, para o que resulta fundamental que poidan contar cunha cobertura económica axeitada que, entre outros gastos, atenda aos derivados do necesario reforzo académico que precisan”, explicou Mauricio Repetto.

O concelleiro de Deportes referiu tamén que as bases destas bolsas terán en conta os méritos acadados en campionatos de España (do 1º ao 8º posto) e de Galicia (do 1º ao 3º posto).

“O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días hábiles, contados dende o seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e poderán entregalas, xunto co resto da documentación que se require, no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou ben empregando os medios que establece a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas”.

O Concello de Lugo entrega as axudas ao Talento Deportivo Individual desde o ano 2008 co fin de apoiar a promoción, práctica e mellora do seu rendemento, para o que se valora tamén o seu esforzo académico. Desde a súa creación, foron receptores e receptoras das mesmas preto de 600 deportistas.

Outros asuntos da Xunta de Goberno Local

Xa noutra orde de asuntos, na sesión desta semana, a Xunta de Goberno Local outorgará dúas licenzas urbanísticas, unha delas para reformar un edificio na rúa Estaca de Bares (145.015 €) e a outra para rehabilitar a cuberta e realizar obras de mantemento nun inmoble da Avenida da Coruña (46.347 €).

Igualmente autorizarase a prórroga do contrato que rexe a subministración de emulsión bituminosa para a conservación da rede de camiños municipais (18.564 €).

Audio

  • O edil de Deportes, Mauricio Repetto, sobre as Bolsas Municipais ao Talento Deportivo | Descargar mp3

Noticias relacionadas