A área de Deportes acondiciona a pista de rugby das Pedreiras

A intervención, que terá un prazo de execución de dez días e un custo superior aos 39.000 euros, consistirá na remodelación completa do terreo de xogo incluíndo o seu mantemento mensual

Xoves, 23 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Deportes acondiciona a pista de rugby das Pedreiras

Nos próximos días a área de Deportes acondicionará a pista de rugby situada no estadio das Pedreiras, para o que destinará un investimento superior aos 39.000 euros.

A intervención, segundo explicou o concelleiro responsable, “ten como obxectivo a remodelación completa do campo de xogo para mellorar as súas prestacións xa que, na actualidade, a instalación presentaba algunhas eivas de conservación”.

Miguel Fernández indicou que a actuación consistirá, fundamentalmente, na retirada da cuberta vexetal actual e na descompactación do terreo así como na subministración e estendido da area, sementado de céspede – cunha mestura de diferentes variedades de gramíneas – apto para a pisadura, así como a súa posterior fertilización.

“As obras, que terán unha duración aproximada de dez días, inclúen tamén o repintado das liñas da cancha así como a revisión e posta a punto do sistema de rego por aspersión”, abondou o edil que, á súa vez, sinalou que os traballos contemplan xa o mantemento mensual do recinto, “a base de segas e renovación de semente naquelas zonas que se deterioren ou presenten un maior desgaste co fin de garantir o bo estado da herba natural en todo momento”.

Miguel Fernández destacou que coa instalación das Pedreiras son tres as dotacións públicas ao servizo das e dos afeccionados lucenses ao rugby, xunto á ubicada ao carón dos Xulgados – conveniada con Educación – e ao campo de fútbol de Nadela. “Espazos que queremos poñer á súa disposición para realizar adestramentos e para desfrutar dunha disciplina de dilatada tradición na nosa cidade que cada día conta con máis seguidores e que tan bos resultados deportivos está acadando grazas ao excelente traballo desenvolvido polos clubs”, subliñou o concelleiro de Deportes.

Audio

  • O edil Miguel Fernández, sobre o arranxo no campo de rugby | Descargar mp3

Noticias relacionadas