A área de Cultura estreará en Fitur a campaña Lugo Km 100 “para poñer en valor a cidade de Lugo e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan”

Maite Ferreiro: “Lugo está a 100 Km exactos de Compostela, distancia mínima para obter a Compostelana”

Lugo Km 100 pretende atraer “ás persoas que desexen facer o camiño escapando da masificación do camiño Francés ou que utilicen Lugo como punto de partida dunha nova ruta a Compostela”

Domingo, 29 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cultura estreará en Fitur a campaña Lugo Km 100 “para poñer en valor a cidade de Lugo e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan”

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a campaña Lugo Km 100, que pretende ser “unha aposta seria para fomentar o turismo e poñer en valor a cidade e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan”. “Son catro os camiños de Santiago que atravesan Lugo, e ademais, na cidade contamos con tres patrimonios da humanidade: a Catedral, a Muralla e o Camiño Primitivo”, indicou Maite Ferreiro, que engadiu “isto fai de Lugo un atractivo turístico de primeira orde dentro do denominado turismo de interior co que moi poucas cidades poden competir”. A edil nacionalista indicou que esta será a campaña que a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua levará a Fitur, a Feira Internacional de Turismo que terá lugar en Madrid a finais de xaneiro do 2020.

Maite Ferreiro indicou que “o concello de Lugo está a 100 Km exactos de Compostela, a distancia mínima para obter a Compostelana”. “Isto fai que Lugo poida ser máis atraínte para as persoas que queiran facer o Camiño por primeira vez escapando da masificación do Camiño Francés ou como punto de partida dunha nova ruta a Compostela”, indicou a responsábel da área de Cultura, que engadiu “realizaremos accións que traballen para poñer a Lugo no epicentro turístico do norte do estado”.

Ferreiro anunciou que a área de Cultura está a traballar “en poñer en valor e mellorar as infraestruturas e a estética do camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, mellorando entre outras cousas, a sinalización do camiño”, e engadiu que “para atraer camiñantes, estamos estudando a creación dun selo e credencial propios de Lugo”. Maite Ferreiro anunciou tamén que “dentro da programación cultural, realizaranse actividades para a promoción do camiño Primitivo”.