A área de Cultura estrea en Fitur a campaña Lugo Km 100 “para poñer en valor a cidade de Lugo e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan”

Maite Ferreiro: “Lugo está a 100 Km exactos de Compostela, distancia mínima para obter a Compostela”

Lugo Km 100 pretende atraer “ás persoas que desexen facer o camiño escapando da masificación do camiño Francés ou que utilicen Lugo como punto de partida dunha nova ruta a Compostela”

Xoves, 23 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cultura estrea en Fitur a campaña Lugo Km 100 “para poñer en valor a cidade de Lugo e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan”

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou na Feira Internacional de Turismo FITUR a campaña Lugo Km 100, “unha aposta seria para fomentar o turismo e poñer en valor a cidade e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan”. Maite Ferreiro indicou que “o concello de Lugo está a 100 Km exactos de Compostela, a distancia mínima para obter a Compostela”. “Isto fai que Lugo poida ser máis atraínte para as persoas que queiran facer o Camiño por primeira vez escapando da masificación do Camiño Francés ou como punto de partida dunha nova ruta a Compostela”, indicou a responsábel da área de Cultura, que engadiu “realizaremos accións que traballen para poñer a Lugo no epicentro turístico do norte do estado”.

“Son catro os camiños de Santiago que atravesan Lugo, e ademais, na cidade contamos con tres patrimonios da humanidade: a Catedral, a Muralla e o Camiño Primitivo”, indicou Maite Ferreiro, que engadiu “isto fai de Lugo un atractivo turístico de primeira orde dentro do denominado turismo de interior co que moi poucas cidades poden competir”.

Ferreiro anunciou que a área de Cultura traballa “en poñer en valor e mellorar as infraestruturas e a estética do camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, mellorando entre outras cousas, a sinalización do camiño”, e engadiu que “dentro da programación cultural, realizaranse actividades para a promoción do camiño Primitivo”.

Máis info

Audio

  • A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a campaña Lugo Km 100, en Fitur | Descargar mp3

Multimedia

  • A área de Cultura estrea en Fitur a campaña Lugo Km 100 “para poñer en valor a cidade de Lugo e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan”

Noticias relacionadas