A área de Cultura colabora con 9 colectivos lucenses na Benvida ao Apalpador, que terá lugar este sábado

Maite Ferreiro: “O Nadal é unha data na que debemos traballar para recuperar e promocionar os elementos culturais da nosa terra”

Xoves, 19 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cultura colabora con 9 colectivos lucenses na Benvida ao Apalpador, que terá lugar este sábado

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou xunto con representantes da Mesa Pola Normalización Lingüística, A Volta do Agro, Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, Cántigas e Frores, Madia Leva!, O Xeito, Semente Lugo, Tradescola e Troupelear a benvida ao Apalpador, coa que este ano colabora a área de Cultura, e que se encadra dentro da programación de Nadal.

“O Nadal é unha data na que debemos traballar tamén para recuperar e promocionar os elementos culturais da nosa terra” indicou Maite Ferreiro, e engadiu “este ano decidimos colaborar con estes colectivos, que levan moito tempo facendo esta benvida e demostraron xa que é unha cita importante do Nadal en Lugo”.

A Benvida ao Apalpador comezará ás 16 horas, con tres ruadas musicais que, partindo simultaneamente de Ramón Ferreiro, San Roque e da Porta de San Fernando, rematarán na praza Maior, dando paso ás 16:30 ao obradoiro “Descubre a fauna do Courel”. A xornada continuará ás 17 horas co conto “Os camiños do Apalpador”, que rematará ás 17:30 coa chegada do Apalpador. Ás 18:15 e ás 19 horas, dous novos obradoiros, “Troupelear e Cantos de Nadal”, e “Danza das fitas” continuarán a animar a tarde, que rematará, a partir das 19:30, cunha foliada final a cargo da Volta do Agro, Cántigas e Frores e a Tradescola.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a Benvida ao Apalpador | Descargar mp3

Multimedia

  • A área de Cultura colabora con 9 colectivos lucenses na Benvida ao Apalpador, que terá lugar este sábado

Noticias relacionadas