A área de Contas avanza na posta en marcha dunha bolsa aberta de licitadores e dun rexistro de operadores económicos

A medida, contemplada no Plan de Acción de Alcaldía, pretende publicitar as convocatorias municipais, incrementar a transparencia e facilitar a participación.

Entre os mecanismos que xa se puxeron en marcha figura a avaliación periódica dos procedementos de contratación para supervisar que a formulación que seguen é a idónea.

O equipo económico está a elaborar tamén unha Instrución para axilizar aínda máis o pago de facturas que, actualmente, se sitúa por debaixo dos dez días. Só no último trimestre do ano se abonou aos provedores 20’2 millóns €.

Xoves, 18 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Contas avanza na posta en marcha dunha bolsa aberta de licitadores e dun rexistro de operadores económicos

O 2021 será o ano no que conclúa a transformación do funcionamento do Concello. Con ese horizonte, a alcaldesa, Lara Méndez, plasmou nun Plan de Acción as pautas a seguir para restruturar toda a directiva municipal co fin de mellorar a organización interna da Administración Local e que a súa xestión redunde nun incremento da eficacia nas relacións que mantén coa cidadanía.

Logo do diagnóstico realizado ao respecto pola Intervención xeral, foron deseñadas toda unha batería de medidas correctoras das que, boa parte, especialmente as relativas á ordenación do persoal, xa se atopan en aplicación. Mais o equipo económico de Lara Méndez se centra agora en habilitar novos mecanismos que permitan asumir con maior dilixencia os procesos de contratación, facturación e contabilidade local.

Como exemplo, a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, destaca a elaboración dunha Instrución na que se recollen as indicacións para garantir o pago a provedores no menor prazo de tempo posible e referiu, así, que “só no último trimestre do 2020 fomos quen de abonar 2.272 facturas por importe de 20.278.868 euros”.

“Un volume moi destacado ao que se engade outra importante mellora como é a redución continuada do período medio de pago que, no mes de decembro, se rebaixou até os 9’44 días e que contribuíu a que o que se coñece como dato de morosidade – e que non é máis que o tempo que transcorre dende que a factura chega a administración ata que é finalmente abonada – se sitúe nos 56’59 días, por debaixo dos 60 que determina a lei”, engadiu a concelleira.

A este respecto, Paula Alvarellos referiu tamén sentir certo “estupor e desconcerto” ante as afirmacións vertidas polo portavoz do GM do Partido Popular nas que manifesta un absoluto descoñecemento dos procedementos administrativos sobre facturación e, o que é peor, “nula vontade por corrixilo”.

“Unha ignorancia manifesta na que, pese a todas as explicacións que lle ofrecemos, se reitera permanentemente até extremos bochornosos. De maneira que cando le os informes de Tesourería confunde – pese a vir explicados - conceptos tan diferentes como o período de pago (media de días nos que se pagan as facturas e que no último trimestre de 2020 foi, como anteriormente se indica, de 56’59 días - dentro dos 60 que establece a lei) e o período de pago pendente (o atraso medio que levan as facturas que, por diferentes motivos, están pendentes de abonar e que se situou nos 182’14 días que el refire)”.

“Cómpre salientar todo o traballo realizado polos departamentos que compoñen a área económica, nun ano tremendamente complexo, para conseguir rebaixar progresivamente esas cifras o que queda reflectido na propia evolución que seguiu ese PMPE, que no último ano diminuíu á metade (pasando 112’97 días en 2019 aos 56’59 actuais). E emendar, por suposto, as palabras do señor Carballo que di sen pudor que ao rematar o 2020 este Concello debía 5’8 millóns de euros ás empresas, e cala que 4’3 deses millóns aínda estaban en prazo de pago. Por fortuna quen debe fiscalizar a solvencia da institución ten maior comprensión lectora”, destacou Paula Alvarellos.

A edil de Gobernanza explicou, alén, que neste exercicio foi implantado tamén un modelo de seguimento da actividade relacionada coa elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos diferentes procedementos de adxudicación, “de forma que trimestralmente se leva a cabo unha avaliación dos contratos menores, por se esta segue a ser a formulación idónea para os mesmos”.

Alvarellos Fondo lembrou, así mesmo, que “todos estes pasos se completarán, como xa se contemplaba e se anunciou hai meses, coa creación dunha bolsa aberta de licitadores que, por unha banda servirá de rexistro aos operadores económicos interesados en participar nas convocatorias do Concello e, pola outra, incrementará a publicidade e concorrencia dos mesmos nos procesos”.

“A reordenación dos Recursos Humanos – a entrada en vigor da nova RPT, a provisión das xefaturas dos servizos, a convocatoria das OPE’s, etc – foron os alicerces primordiais e indispensables para poder modernizar a institución e seguir progresando na consecución do modelo de Administración que queremos construír, reflexo tamén do modelo de cidade que aspiramos ser”, concluíu a responsable de Contas.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a creación dun rexistro de licitadores | Descargar mp3

Noticias relacionadas