A área de Benestar prestará apoio ás persoas beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital na súa tramitación

Persoal municipal recibía esta mañá, por parte do INSS, a formación técnica necesaria para guiar ás e aos usuarios no procedemento de solicitude
 
A alcaldesa, Lara Méndez, puxo en valor a importancia desta prestación “coa que se pretenden evitar desequilibrios socias nunha época de crise” e gradeceu o labor desenvolvido polo servizo de Benestar dende que comezou o Estado de Alarma

Venres, 19 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
[A área de Benestar prestará apoio ás persoas beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital na súa tramitación

O Concello de Lugo, a través da área de Benestar Social prestará apoio ás e aos beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital na súa tramitación.

O persoal municipal recibía esta mañá a formación técnica necesaria, por parte do equipo do Instituto Nacional da Seguridade Social, para poder non só trasladar á cidadanía toda a información relativa a esta nova prestación estatal senón tamén para asistila durante o procedemento de solicitude.

“No encontro de hoxe - explicou a edil Olga López Racamonde – as e os traballadores sociais puideron coñecer cales son os requirimentos que se esixen para acceder á concesión destas axudas así como os pasos que cómpre dar na súa xestión. De maneira que o proceso se desenvolva con dilixencia, sen un exceso de burocracia para ás e os administrados pero tamén alixeirando a carga de traballo das administracións”.

A concelleira responsable de área puxo de manifesto a excelente relación entre ámbolos dous organismos, “unha colaboración – manifestou – que, estamos seguros, redundará positivamente, como é o seu obxectivo, en prol do interese xeral”.

Durante a reunión, a alcadesa de Lugo, Lara Méndez, saudou ás e aos asistentes e agradeceu o esforzo que dende a Dirección Provincial do INSS se está facendo estes días no traslado aos Concellos de toda a información relativa a este novo recurso público para efectivizar a súa concesión ao tempo que puxo en valor  a importancia do traballo conxunto entre institucións, “que nos permite poder chegar antes pero tamén máis lonxe na posta en marcha de medidas que protexan á poboación e pulen pola equidade social ante unha situación de crise como a que estamos a vivir”.

Segundo datos oficiais, ofrecidos pola Seguridade Social, na provincia de Lugo ao redor de 13.000 persoas poderán contar co Ingreso Mínimo Vital que xa se pode solicitar dende o pasado 15 de xuño.

Noticias relacionadas