A área de Benestar ofrece medio millar de prazas para favorecer a conciliación familiar no verán a través do programa Aulas Abertas

Os meses de xullo e agosto, os centros de convivencia e as escolas da zona rural desenvolverán durante toda a mañá actividades de entretemento para crianzas de entre 4 a 11 anos.

Xoves, 02 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar ofrece medio millar de prazas para favorecer a conciliación familiar no verán a través do programa Aulas Abertas

A área de Benestar Social anunciou hoxe que o próximo luns, 6 de xuño, abrirá o prazo para solicitar as Aulas Abertas. Unha prestación municipal coa que o Goberno de Lara Méndez pretende facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o verán propiciando, ao mesmo tempo, a integración sociocomunitaria da cidadanía.

“O obxectivo é – segundo sinalou a edil Olga López Racamonde – habilitar recursos públicos para as familias, favorecendo a súa organización durante as vacacións estivais mentres as súas crianzas liberan tensións, saen da rutina diaria e obteñen diversión gozando de momentos de lecer e socialización dunha forma pedagóxica e construtiva”.

A concelleira de Benestar referiu que as actividades se levarán a cabo nos centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Uxío Novoneyra, Milagrosa e Maruja Mallo), en horario de 08:30 a 14:30 horas e por quincenas: do 1 ao 15 e do 18 ao 29 de xullo e do 1 ao 12 e do 16 ao 31 dese mesmo mes, e que tamén chegarán ás escolas do rural onde, nestes momentos, o departamento está a detectar as necesidades actuais.

“As e os máis pequenos poderán aproveitar estas xornadas para desfrutar de xogos cooperativos e de psicomotricidade, manualidades, etc, recorrendo sempre que se poida, aos espazos ao aire libre da contorna e garantindo unhas condicións de sanidade e hixiene óptimas”, abondou Olga López.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude até o 10 de xuño de tres maneiras: de forma presencial – solicitando cita previa co animador/a do centro, por correo electrónico - a través do enderezo aulasabertas@lugo.gal - ou ben a través da sede electrónica www.lugo.gal

“A adxudicación das prazas (480 a razón de 20 por cada centro e quenda) será por orde de inscrición e a cota oscila, en función do número de días, entre os 9’27 € - da quincena do 18 ao 29 de xullo que é a máis breve – até os 12’36€ que custa a última de agosto, aínda que o Concello contempla bonificacións do 50% para o/a segundo/a fillo/a mentres que o/a terceiro/a quedará exento, previa xustificación e sempre que os ingresos da unidade familiar ou de convivencia non superen dúas veces o IPREM do ano 2021, salvo situacións económicas sobrevidas”, indicou a edil.

As listas de admitidos provisionais sairán publicadas o próximo 17 de xuño e as definitivas o 27.

“Con esta proposta, dende a área de Benestar, pretendemos, unha vez máis, axudar ás nais e pais a compatibilizar mellor a súa xornada de traballo coa atención dos nenos e nenas, nunhas datas non lectivas nas que queremos ofrecer unha alternativa lúdica e tamén didáctica para que as e os cativos socialicen e compartan vivencias, sempre nun contexto seguro para eles e para as súas familias”, concluíu Olga López Racamonde.

Audio

  • A edil de Benestar Social, Olga López, sobre as Aulas Abertas de Verán | Descargar mp3

Noticias relacionadas