A área de Benestar implantará a Historia Social Única e a axenda electrónica para axilizar a atención dos usuarios

A edil Olga López traballa na mellora do servizo desde principios de mandato e hoxe tivo a segunda reunión cos responsables da Xunta para interconectar as bases das dúas administracións

Debido á complexidade do proceso, reforzará o servizo con tres persoas, dúas delas para a dixitalización dos máis de 12.000 expedientes anuais que manexan os Servizos Sociais en Lugo

O Concello proporá unha serie de melloras no programa da Xunta “para facelo máis operativo e que poidan intervir todos os profesionais dos distintos equipos”

Mércores, 25 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar implantará a Historia Social Única e a axenda electrónica para axilizar a atención dos usuarios

A concellaría de Benestar, Inclusión e Maiores do Concello de Lugo vinculará o seu sistema de información de Servizos Sociais co da Xunta de Galicia para axilizar a atención e a intervención ás persoas usuarias. Para iso, a edil responsable da área, Olga López Racamonde, mantivo hoxe unha segunda reunión no edificio de Novas Tecnoloxías cos responsables da Historia Social Única do goberno galego co fin de definir os pasos a seguir nun proceso de renovación do sistema municipal actual, que será de gran complexidade porque implicará a dixitalización dos máis de 12.000 expedientes anuais de usuarios que atende o departamento.

Un dos primeiros obxectivos que se marcou a concelleira neste mandato foi modernizar as ferramentas de xestión, coordinación profesional e de axuda á intervención social. “Despois de analizar a situación, e sen que nos guste en exceso o sistema da Xunta de Galicia xa que cremos que ten moitas posibilidades de mellora, que hoxe tamén expuxemos aos seus responsables durante a reunión, optamos por dar este paso co fin de instaurar a Historia Social Única no Concello de Lugo. O obxectivo é que as administracións traballemos conectadas e manexando os mesmos datos dos usuarios para darlles una resposta máis áxil e eficaz aos seus problemas”, sostén a concelleira.

A implantación do novo sistema de interconexión co da Xunta conlevará, segundo explicou Olga López Racamonde, un reforzo de persoal para atender a carga de traballo, polo que se incorporará a dúas persoas que se encargarán de dixitalizar os expedientes e dun terceiro empregado para xerar unha Axenda Electrónica, que permitirá aos usuarios dos Servizos Sociais do municipio pedir cita por internet.

Na reunión de hoxe analizáronse os procesos de baleirado de datos do sistema SIUSS da Xunta á Historia Social Única, “e pedímoslle á Xunta algunas melloras para gañar, ao noso xuízo, en operatividade, como é a optimización do sistema de carga de datos, pouco intuitivo e que  enlentece o proceso, ou que se permita a intervención dos profesionais de todos os departamentos para que se poida traballar realmente en equipo”.

A modernización da xestión da área de Servizos Sociais enmárcase no proceso iniciado polo goberno de Lara Méndez na segunda gran transformación de Lugo para que a administración local gañe en eficacia e axilidade e sexa máis próxima á cidadanía, como se procura tamén coa implantación da E-Administración, xa en marcha, ou co desenvolvemento de experiencias piloto enmarcadas no proxecto europeo Smart City.

Audio

  • A concelleira de Benestar, Inclusión e Maiores, Olga López, sobre a Historia Social Única | Descargar mp3

Noticias relacionadas