A área de Benestar contactou con máis de 3.000 maiores que viven sós para atender as súas necesidades durante a pandemia

O coidado das persoas de máis de 65 anos foi un dos primeiros servizos que reforzou o Goberno de Lara Méndez, que xa chamou ao 60% do censo desta poboación que vive soa.

O Concello tamén puxo a disposición da poboación xeral que vive en soedade ou que sofre problemas de mobilidade o servizo Acompañásmoste.

A edil Olga López enxalza o labor desenvolvido polo persoal de Benestar Social, que viu incrementado o seu labor considerablemente dende que se decretou o Estado de Alarma.

 
Luns, 27 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar contactou con máis de 3.000 maiores que viven sós para atender as súas necesidades durante a pandemia

É a vertente máis humana e próxima. A que fai transcender o papel do Concello como a administración da veciñanza. É, como a súa propia definición indica, a que atinxe ao benestar da cidadanía, neste caso o das persoas maiores que viven soas, poboación que en Lugo ascende a 5.000 persoas segundo o censo elaborado pola área de Benestar o pasado ano tendo en conta aquelas de 65 ou máis anos de idade.

A atención deste colectivo foi unha das primeiras áreas que reforzou o Goberno de Lara Méndez ao inicio desta pandemia, tendo en conta non só a atención das súas necesidades sanitarias, de alimentación ou de pagos ao que facer fronte, senón tamén afectiva e de tranquilidade e satisfacción.

Para iso, a área de Benestar, a cargo da edil Olga López, intensificou o contacto directo co colectivo de maiores de 65 anos, ao que se chama directamente desde o servizo para coñecer a súa situación particular e detectar se a pandemia lles está a orixinar algunha eiva para facilitarlle axuda.  A concelleira sostén que “falamos de que unha cuarta parte do total da poboación, preto de 22.000 persoas, teñen máis de 65 anos o que, no contexto actual, as convirte no principal sector de risco. De entre elas, son para nós unha preocupación fundamental, as máis de 5.000 que, non só nestes momentos senón durante todo o ano, residen soas”.

O estudo realizado polo Concello xa en 2019 sobre o padrón de habitantes susceptibles de poder atoparse nunha situación de illamento por ese dobre condicionante de idade e soidade, é o que está a posibilitar agora unha maior supervisión e atención aos mesmos dende os Servizos Sociais municipais.

“As animadoras socioculturais levan realizadas máis de 3.000 chamadas, aos maiores que viven sós, logo de que se revisase o censo do que xa dispoñíamos para actualizalo, co fin de saber que tal se atopan e ofrecerlles todo o apoio que precisen - explica López Racamonde - un traballo que se realiza durante toda a semana, que nos permitiu alcanzar xa ao 60% do devandito censo e co que se continuará até chegar ao 100%”.

Pero ademáis destas chamadas directas, as persoas maiores poden chamar directamente ao  Concello, ao Servizo Acompañámoste, que se puxo en marcha en marzo e que están a xestionar as educadoras sociais a través das catro liñas telefónicas que se habilitaron para este fin. Se ben, este servizo non só está pensado para os maiores senón para toda a cidadanía que viva soa ou que teña problemas de mobilidade para que solicitan algún tipo de axuda, especialmente alimentos ou fármacos, que o voluntariado de Cruz Vermella lles entrega no seu domicilio.

“Sabemos que estes datos teñen a súa relevancia, en tanto nos permiten cuantificar a eficacia e funcionalidade do servizo mais sobre os números obxectivos nós queremos poñer en valor o significado que ten para os suarios o acompañamento e a axuda que reciben e que, se ben non entraña ningunha complexidade técnica sí se trata dunha das prestacións mellor valoradas pola cidadanía pola súa capacidade para aportarlles aquelo que necesitan, xa sexan alimentos ou mesmo, un pouco de conversa ou unha mensaxe de ánimo e optimismo nestes duros momentos de confinamento”, conclúe Olga López.

A concelleira de Benestar enxalzou igualmente o labor desenvolvido polo persoal deste departamento, que nas últimas semanas viu incrementadas considerablemente as súas tarefas, e quixo agradecer “a dedicación, esforzo e cariño que están poñendo en todo o traballo que realizan, para que así chegue tamén ás familias, a pesar das dificultades do momento e dos condicionantes que impón a contención do coronavirus”.

Audio

 

Noticias relacionadas