A área de Benestar apoia o labor de 24 entidades sociais coa concesión de axudas por valor de 313.000 euros

Olga López Racamonde destaca o calado dos proxectos presentados entre os que se atopan actuacións con persoas sen fogar ou a estimulación cognitiva de doentes con demencias

Mércores, 23 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar apoia o labor de 24 entidades sociais coa concesión de axudas por valor de 313.000 euros

A área de Benestar traladaba hoxe á Xunta de Goberno a concesión directa das subvencións nominativas, así como a aprobación dos convenios que o Concello de Lugo mantén coas entidades que desenvolven a súa actividade no eido dos Servizos Sociais.

“Unha partida que alcanza os 313.774’36 euros e que resulta tan significativa como a relevancia dos proxectos que se levan a cabo ao amparo destas achegas”, salientou Olga López Racamonde.

A edil destacou a valía do traballo realizado pola asociacións locais ao que definiu como “o complemento indispensable ás prestacións públicas das diferentes administracións no que ten que ver coa atención primaria no municipio”.

Así subliñou a importante tarefa que desempeñan estes colectivos en cuestións tan transcendentais como poden ser actuacións específicas con transeúntes e persoas sen fogar, o apoio e rehabilitación para enfermos mentais, o fomento da autonomía persoal para a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables, a estimulación cognitiva para doentes de alzheimer, o servizo de intérprete en lingua de signos ou o acollemento estival de menores afectados pola radiación de Chernobyl.

“En total, dúas ducias de entidades e persoas físicas que realizan un labor fundamental que beneficia a toda a poboación lucense e que, dende a área de Benestar, enxalzamos e animamos a continuar”, referiu Olga Racamonde.

Licenzas Urbanísticas

Noutra orde de cousas, na reunión da Xunta de Goberno desta semana foron aprobadas seis licenzas urbanísticas, para acometer diversas actuacións, entre elas a legalización dun alpendre en Orbazai (11.518’37 €), o cambio de uso de vivenda a oficina nun inmoble de San Pedro (5.885 €) e as modificacións na distribución doutro que se atopa en rehabilitación na rúa Nóreas (8.377’67 €).

Igualmente se autorizou a instalación dun ascensor nun inmoble da rúa Río Ladra (32.922’15 €), a supresión de barreiras arquitectónicas noutro da rúa Tui (2.431 €), e a demolición dunha edificación na Estrada Vella de Santiago (2.086’60 €).

Audio

  • A edil de Benestar, Olga López, sobre as subvencións ás entidades sociais | Descargar mp3

Noticias relacionadas