A área de Benestar apoia o labor das entidades sociais coa concesión de axudas por valor de 48.000 euros

A Xunta de Goberno aprobará este mércores a apertura de 4 convocatorias de subvencións, entre as que tamén figuran as achegas para o mantemento e uso do taxi adaptado.

Luns, 31 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar apoia o labor das entidades sociais coa concesión de axudas por valor de 48.000 euros

Benestar Social trasladará á Xunta de Goberno desta semana a apertura de catro convocatorias públicas para concorrer a subvencións municipais.

A área que dirixe Olga López Racamonde habilitará, en total, 48.000 euros a financiar os proxectos de ONG’s e asociacións sen ánimo de lucro e outros 19.000 € para o mantemento e o uso do taxi adaptado.

Así, a concelleira explicou que “este mércores, o executivo validará as bases xerais que permitirán ás entidades sociais da cidade solicitar unha achega da administración local para sufragar tanto as actividades que realizan como a conservación das instalacións nas que as levan a cabo”.

“Destinaremos a este concepto un total de 38.000 euros, aos que cómpre engadir outros 10.000 € dirixidos ás Organizacións Non Gobernamentais asentadas no concello, para que leven a cabo campañas de sensibilización social”, abondou López Racamonde.

A edil de Benestar puxo en valor o traballo realizado por estes colectivos “complemento indispensable ás prestacións públicas”, ao tempo que cualificou de “fundamental o labor que desempeñan e que redunda no conxunto da poboación”.

“Por iso – sinalou Olga López – animamos a todas as asociacións a aproveitar a existencia destes fondos e a solicitalo, co obxectivo de poñer en marcha as súas iniciativas. Non queremos que ningunha proposta interesante quede no caixón por deixar pasar esta oportunidade”, sostivo.

Por outra banda, a concelleira avanzou que, na mesma sesión, o equipo de goberno aprobará as convocatorias de subvencións para o mantemento e o uso do taxi adaptado, dotadas con 14.000 e 5.000 €, respectivamente.

Neste último caso, a contía individual das axudas será de 800 euros ao ano e de 1.000 € para as persoas empadroadas no rural.

Trala aprobación dos catro procedementos e a posterior publicación oficial do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, no taboleiro electrónico do Concello de Lugo (www.lugo.gal) e no Portal de Transparencia e Bo Goberno, abrirase un prazo de 15 días hábiles para facilitar a concorrencia ás mesmas.

Noticias relacionadas