A ardua investigación da Policía Local permite localizar ao condutor dun turismo que fuxiu tras bater contra un motorista ao que feriu de gravidade

O accidente, ocorrido a finais de setembro na rúa Xosé Castiñeira, tivo lugar como consecuencia do impacto frontal entre un coche e unha motocicleta

Logo dun rastrexo exhaustivo, o equipo de atestados da Policía Local de Lugo identificou ao causante do sinistro, que agora se enfrenta a un delito contra a seguridade viaria e a outro de lesións por imprudencia grave con vehículo de motor

Xoves, 19 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A ardua investigación da Policía Local permite localizar ao condutor dun turismo que fuxiu tras bater contra un motorista ao que feriu de gravidade

Por parte de axentes da Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo procedeuse á localización e investigación xudicial do condutor dun turismo que provocara un accidente de circulación no que chocou cunha motocicleta de gran cilindrada, ocasionando lesións moi graves ao seu condutor e ausentándose posteriormente do lugar sen deterse nin facilitar os seus datos ás forzas de seguridade.

Os feitos sucederon ás 21:15 horas do pasado día 27 de Setembro cando o vehículo guiado polo condutor investigado, de 36 anos, que circulaba polo Paseo dos Estudantes, se introduce na rúa Xosé Castiñeira facendo caso omiso do sinal de STOP que lle obriga a deterse, provocando a colisión frontal da motocicleta, que circulaba con preferencia de paso, sobre o lateral esquerdo do turismo.

Tras producirse o sinistro, o condutor causante auséntase do lugar sen deterse, deixando sobre a calzada en estado moi grave, sen prestarlle o obrigado auxilio, ao condutor da motocicleta que houbo de ser evacuado ao servizo de urxencias do HULA.

A pesar da gran afluencia de xente nese momento no lugar, ningún dos presentes puido facilitar datos concretos aos investigadores relativos a marca, modelo ou placa de matrícula do vehículo fuxido, non podendo ser localizado polos distintos vehículos patrulla da Policía Local que se desprazaron ao lugar e que iniciaron de inmediato o seu rastrexo por distintas zonas da cidade.

Por parte do equipo de Atestados da Policía Local de Lugo, encargado da investigación, nas semanas posteriores, se visionaron gran cantidade de gravacións recollidas nas distintas cámaras de vixilancia e control do tráfico situadas en varios puntos da cidade así como as localizadas en distintos edificios e establecementos públicos, comprobáronse traslados a través de guindastres de asistencia, vixiáronse talleres e fixéronse comprobacións en despezamentos e tendas de repostos do automóbil.

Tamén se realizou un rastrexo por Internet sobre posibles transaccións que puidesen estar relacionadas co vehículo fuxido. Así mesmo realizouse un cribado informático no que foron estudados e descartados, un a un, centos de vehículos de dúas marcas e modelos moi populares e que finalizou coa redución do estudo a sete turismos que se axustaban aos requisitos de procura.

Entre eles localizouse a un turismo da marca Audi, modelo A3, sobre o que se centrou a investigación e cuxo propietario contaba con diversos delitos contra a seguridade viaria no seu historial.

Tras lograr a identificación do seu titular e condutor habitual púidose constatar que vendera o turismo citado dous días despois de producirse o sinistro, sendo localizado nun garaxe particular titularidade do novo comprador, podendo constatar os axentes da Unidade de Atestados encargados da investigación que presentaba importantes danos sobre o seu lateral esquerdo, compatibles co impacto coa motocicleta e o corpo do condutor ferido.

O condutor investigado foi localizado polos axentes de Atestados da Policía Local cando se achaba na sede dos xulgados desta cidade entregando o seu carné de conducir debido a unha recente condena penal como autor doutro delito contra a seguridade viaria.

Como consecuencia dos feitos descritos instruíronse as dilixencias oportunas perante o xulgado de garda como investigado pola presunta comisión dos seguintes delitos:

  • Delito de lesións por imprudencia grave con vehículo de motor, recollido no art. 152 do Código penal e que pode ser castigado con pena de prisión de 6 meses a 3 anos e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores de 1 a 4 anos.
  • Delito contra a seguridade viaria, recollido no art. 382.BIS do Código penal que pena a aquel condutor que de modo voluntario e sen que concorra risco propio ou de terceiros abandone o lugar do accidente no que falecesen ou resultasen feridos graves una ou varias persoas e que pode ser castigado con pena de prisión de 6 meses a 4 anos e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores de 1 a 4 anos.

Desde a Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo apélase á cidadanía para que, cando presencien ou teñan coñecemento dun accidente de circulación, tomen nota do maior número de datos posibles, en especial do tipo e características do vehículo e, en particular, da súa matrícula, e comuníquenos á Policía Local chamando ao 092, para facilitar a investigación policial e evitar que feitos tan graves como estes queden impunes.

Así mesmo lémbrase a obrigación de permanecer no lugar do sinistro viario ata a chegada dos axentes, debido a que abandonalo, tras a reforma penal introducida en marzo de 2019, pode constituír un delito contra a seguridade viaria por abandono do lugar do accidente tal e como se recolle no citado art. 382 bis do vixente Código penal.

Multimedia

  • A ardua investigación da Policía Local permite localizar ao condutor dun turismo que fuxiu tras bater contra un motorista ao que feriu de gravidade

Noticias relacionadas