Aprobados os orzamentos, que ascenden a preto de 91 millóns de euros, dos que o 21% están destinados a políticas sociais

“Trátase dun exercicio orzamentario do diálogo, que engloba aportacións dos diferentes grupos da Corporación Municipal”, destacou a Alcaldesa, quen incidiu nos cinco piares nos que pivotan as contas

Por primeira vez, o Orzamento contempla un Plan de Emprego 100% municipal, que estará dotado de 1.150.000 euros, dos 5 millóns que en total recollen os presupostos para fomentar o emprego

En infraestruturas, destaca a humanización da avenida Infanta Elena (800.000€), unha zona pública de baño no Miño (250.000€), saneamento (2,4M€), un baño público no parque de Rosalía ou a sinalización para converter Lugo en Zona 30

Os cidadáns participarán de novo nas decisións sobre os investimentos cunha partida de 400.000 euros para os Orzamentos Participativos

Xoves, 31 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Pleno

O Pleno do Concello de Lugo aprobou este xoves a proposta do Goberno local de Orzamento 2016, que ascende a 91 millóns de euros, centrados no investimento social, un 21% do total. O orzamento consolidado para este ano saíu adiante cos votos favorables do PSOE e de Lugonovo, a abstención de BNG-AA, ACE e Ciudadanos, e os votos en contra do PP.

Para a rexedora, “hoxe é un día importante para o Concello de Lugo, pois apróbanse uns orzamentos baseados nun modelo de cidade pensado por e para a cidadanía que busca tanto a cohesión social como a territorial”. Neste senso, Lara Méndez fixo fincapé nos cinco piares nos que pivotará o orzamento, infraestruturas, calidade de vida asociada ao benestar, turismo, empregabilidade e, sobre todo, políticas sociais, atendendo á realidade socioeconómica, “porque as realidades das cidades cambian, como cidades vivas e dinámicas que son”, tal e como avanzou a Alcaldesa, quen subliñou que se busca un modelo de cidade pensado no cidadán, funcional e operativo, que intenta recuperar usos públicos para o seu uso público.

“Estamos ante o primeiro exercicio orzamento dun novo escenario político que marcará un antes e un despois atendendo a esta nova realidade política”, asegurou Méndez, quen incidiu en que se trata “dun exercicio orzamentario do diálogo, que engloba aportacións dos diferentes grupos da Corporación Municipal”, aos que lles agradeceu a súa disposición ao diálogo.

O proxecto e Orzamento 2016 do Concello de Lugo ascende a 90.984.675,69€, o que supón unha cantidade similar ao 2015, en concreto, un 2,7% menos, fundamentalmente debido ao remate do plan URBAN, executado ao 100%.

Os cinco piares do Orzamento

1.- Investimento Social

Atendendo á situación socioeconómica de dificultade actual, e ao incremento de familias solicitantes de servizos sociais que antes non o eran, o Concello fai un esforzo e aumenta considerablemente as partidas para paliar esta situación. Deste deixo, consigna para Emerxencia Social 400.000 euros, o que supón un 34% máis que no 2015.
Así mesmo, coñecedor de que as políticas públicas non poden ir só encamiñadas a protexer aos cidadáns que teñen caído en emerxencia social, senón que ademais, requírese investir, sendo incluso máis produtivo, en partidas que eviten chegar a esa exclusión, o Concello reforza as axudas ao alugueiro de vivenda para poder dar cobertura económica a todas as peticións rexistradas o pasado ano, aumentando dita partida ata os 220.000€, un incremento do 32% con respecto ao pasado ano.
As partidas para políticas sociais suman no Orzamento 19 millóns de euros, o que supón un 21% do total, de xeito que Lugo “segue sendo o Concello de Galicia que máis destina a investimento social e esperamos subir postos a nivel estatal”, segundo destacou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen subliñou que se trata duns orzamentos “pensados nos e para os lugueses”.

2.- Creación de emprego

Por primeira vez, o Orzamento contempla un Plan de Emprego 100% municipal, que estará dotado de 1.150.000 euros, dos 5 millóns que en total recollen os presupostos para fomentar o emprego. Entre outras iniciativas, tal e como defendeu Ana Preito, tamén se reforzará a formación no CEI Nodus co obxectivo de mellorar a empregabilidade e desenvolverase o plan Inicia Coworking Lugo, que, dotado con 800.000€, prestará apoio gratuíto aos emprendedores para poñer en marcha con éxito o seu negocio.

3.- Impulso do turismo

Dentro do impulso á actividade económica, nos orzamentos figura unha partida de 576.486,36€ para que os museos municipais permanezan abertos todos os días da semana.
Dende a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, o turismo subiu nun 92% en Lugo. O Concello quere aproveitar o recoñecemento doutros dous bens mundiais –o Camiño e a Catedral-, por parte da UNESCO para seguir consolidando e aumentado o turismo, unha liña na que vén traballando o Goberno, como demostran as cifras de viaxeiros mes a mes, que no pasado febreiro, foron un 15% máis que o mesmo mes do ano 2015, achegándose en Semana Santa a Lugo máis de 3.600 persoas.

4.- Fondos europeos como recursos de financiamento

O contexto económico ten mermada a capacidade de investimento do Concello, que debe seguir buscando financiamento para proxectos que dinamicen a cidade. Neste senso, o Orzamento inclúe 100.000€ correspondentes á parte municipal da primeira anualidade do proxecto europeo DUSI, á espera de que sexa resolta a candidatura, coa que o Concello pretende integrar o río Miño na cidade a través do barrio do Carmen e A Cheda.

5.- Infraestruturas e servizos públicos

A dinamización económica e a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Lugo tamén pasa pola dotación de infraestruturas. Deste xeito, os orzamentos garanten de novo a participación cidadá nas decisións sobre os investimentos, cunha partida de 400.000 euros para os Orzamentos Participativos.
Entre as infraestruturas destacadas, Ana Prieto fixo fincapé na humanización da avenida Infanta Elena (800.00€); o acondicionamento dunha zona pública de baño no Miño (250.000€); a creación dun baño público no Parque Rosalía de Castro (40.000€), un plan de sinalización para converter Lugo en Zona 30 (80.000€) e obras de saneamento (2,4M€).

Situación saneada e estable

A edil deu conta ademais de que os Orzamentos aprobado hoxe polo Pleno “manteñen saneada e estable a situación económica do Concello, pois cumpre cos obxectivos de estabilidade orzamentaria, sostibilidade financeira e a regra de gasto”. En canto á débeda financeira, continúa coa súa tendencia á baixa, “sendo Lugo o concello de Galicia cunha menor débeda por habitante, con 141 euros”, segundo indicou a Concelleira.

O capítulo de persoal, de 28,8 millóns de euros, mantense na mesma contía que o 2015, aínda que se contempla o incremento salarial do 1% á plantilla e o pago do 50% da extra, que se produce, tal e como manifestou Prieto, “por axustes nos cálculos estimativos dos pagos á Seguridade Social, e tamén pola baixada dos soldos dos políticos”.

O capítulo de gastos correntes, e bens e servizos ascende a 42,9 millóns de euros, levemente superior ao 2015 debido sobre todo á consignación do 1.150.000€ do Plan de Emprego municipal. Neste senso, garántese unha cobertura orzamentaria suficiente dos gastos derivados de contratos vixentes de prestacións e de concesionarios de servizos públicos, aplicando criterios de prudencia, xa que se establecen as consignacións orzamentarias polas contías máximas estimadas, sen prexuízo das eventuais baixas derivadas da licitación de novos contratos.

No de transferencias correntes, cun importe de 6,4 millóns, mantense o compromiso acadado coas asociacións, clubs e demais entidades co fin de colaborar, promover e mesmo garantir a pervivencia das actividades de carácter cultural, social, deportivo e, en xeral, dirixidas a dinamizar a vida social e asociativa da cidade.

En investimentos, con 9 millóns de euros, destacan as partidas para a ampliación dos hortos urbanos -60.000€-, material para a Policía Local -250.000€-, equipamentos para o Parque de Bombeiros e Protección Civil -350.000€-, obras de accesibilidade -30.000€-, obras no Vello Cárcere -900.000€-, equipamento do novo auditorio -50.000€-, iluminación urbana e rural -227.000€-, parques e xardíns -235.000€- e zona rural -295.000€-. “Trátase pois duns números reais para problemas reais”, concluíu Prieto.

Audio

Noticias relacionadas