Aprobado o Orzamento de Evislusa para o 2016, de 278.000 euros e centrado en actuacións de rehabilitación e urbanismos sostible

Contempla a elaboración de propostas para crear ARRUs na Milagrosa, respondendo así á demanda dos veciños do barrio, ademais de en San Fiz e San Lázar

Evislusa redactará o plan parcial de ordenación da Louzaneta, elaborará un estudo para crear alternativas de lecer no entorno do río Miño e desenvolverá o plan europeo Lugo+Biodinámico

Un estudo técnico definirá a situación, accesibilidade e necesidades dos centros sociais ubicados nas antigas escolas rurais do municipio

Venres, 04 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo (Evislusa) aprobou nunha reunión celebrada este venres o Orzamento da entidade para o vindeiro 2016, que ascende a 278.000 euros, un 4,5% máis que neste exercizo e centrado en dúas liñas de actuación: rehabilitación e urbanismo sostible. As contas, cunha achega municipal de 243.000 euros, contaron cos votos favorables dos representantes do PSdeG, Lugonovo e BNG, e coa abstención dos do PP, Cidadáns e ACE.

Segundo informou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, o programa anual de actuación, investimentos e financiamento de Evislusa para 2016 contempla a elaboración de propostas para crear Áreas de Renovación e Rexeneración Urbanas (ARRUs, esto é, as antigas ARI), nas que teñan un especial peso as actuacións de eficiencia enerxética, na Milagrosa, “cumprindo así coa demanda das asociacións de veciños e comerciantes da zona ante o evidente deterioro físico e socioeconómico do barrio”, ademais de en San Fiz e San Lázaro, “se se constata a implicación cidadán suficiente”.

Evislusa, explicou Piñeiro, tamén se ocupará de xestionar as actuacións recollidas na 14ª fase da área de rehabilitación do centro histórico da cidade, dotada de 685.000 euros e coa que se verán beneficiadas un mínimo de 21 vivendas.

Outra da actuacións contempladas nos Orzamentos da empresa pública é, como xa avanzou a Alcaldesa, Lara Méndez, a redacción do plan parcial de ordenación que permita a regularización e o desenvolvemento do polígono da Louzaneta.

Así mesmo, e en cumprimento dun acordo do Pleno, elaborarase un estudo para artellar un plan de mellora e creación de alternativas de lecer no entorno do río Miño para que os cidadáns gocen do medio natural, histórico e deportivo.

Como impulsora e autora da proposta, Evislusa encargarase en 2016 da coordinación e posta en marcha do programa Lugo+Biodinámico, que contempla 3,5 millóns de euros para accións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental.

Outro dos cometidos en 2016 é a realización dun estudo técnico sobre a situación, accesibilidade e necesidades dos centro sociais ubicados nas antigas escolas rurais do municipio.

San Fernando e Fogar do Transeúnte

A empresa municipal de vivenda asumirá a dirección das obras mínimas de mantemento do cuartel de San Fernando, que se acometerán a través dun convenio entre Concello e Xunta; e redactará o proxecto das obras necesarias para a adaptación de accesibilidade e melloras de habitabilidade no Fogar do Transeúnte.

Como nos exercizos anteriores, e dentro do seu labor ordinario, Evislusa ocuparase da tramitación e seguimento dos informes de contestación aos recursos contencioso administrativos do PXOM ou a elaboración de informes técnicos relativos a procedementos sancionadores por infraccións urbanísticas.

Noticias relacionadas