Aprobadas as bases do plan (Con) trato feito!, que subvenciona a contratación duns 100 desempregados lugueses en empresas e asociacións

As bases serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia. Ao día seguinte abrirá un prazo de 20 días naturais para que empresas e asociacións sen ánimo de lucro do municipio presenten as súas solicitudes

A Xunta de Goberno aproba as axudas de material escolar, que chegarán a preto de 450 alumnos de educación infantil, para as que o Concello destina 36.500 euros . As bolsas consisten nun vale desconto por un importe de 80 euros

Mércores, 07 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aprobadas as bases do plan (Con) trato feito!, que subvenciona a contratación duns 100 desempregados lugueses en empresas e asociacións

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou as bases do (Con) trato feito!, o novo plan de emprego 100% municipal, dotado de 1.150.000 euros, que subvenciona a contratación de desempregados lugueses tanto en empresas como en asociacións sen ánimo de lucro do municipio, tal e como adiantara o pasado venres a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a presentación deste plan. “Trátase dunha iniciativa centrada nas persoas, como todas as que sacamos adiante, coa que buscamos desenvolver actuacións eficaces que faciliten a empregabilidade de calidade e as boas condicións salariais no municipio, axustando a oferta á demanda real”, asegurou o voceiro municipal.

Miguel Fernández explicou que, aprobadas hoxe as bases, publicaranse na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) e posteriormente no BOP. Ao día seguinte da súa publicación abrirase un prazo de 20 días naturais para que empresas e asociacións sen ánimo de lucro do municipio, presenten as súas solicitudes. Toda a información sobre as bases está dispoñible dende hoxe na web municipal www.lugo.gal e no 010.

A selección de empresas e colectivos, que será en réxime de concorrencia competitiva, atenderá, principalmente a criterios como a continuidade da relación laboral da persoa contratada unha vez rematado o período subvencionable, a aplicación de cláusulas sociais nos contratos de traballo do seu cadro de persoal ou que contemple outra melloras que redunde en beneficio do traballador, horario flexible, para favorecer medidas de conciliación familiar; a oferta de bolsas de estudo, plan de pensións ou seguros médicos ou a contratación de colectivos desfavorecidos, como parados de longa duración, mulleres, ou maiores de 50 anos. As solicitudes de subvencións serán resoltas no prazo máximo dun mes.

(Con) trato feito! contempla dúas liñas de subvencións, unha destinada para empresas, dotada con 920.000 euros, e outra para entidades sen ánimo de lucro, duns 230.000 euros.

En ambos casos, soamente se entenderá como subvencionable a contratación dun traballador como máximo por entidade, por un máximo dun ano. As entidades deberán asinar co traballador un mínimo de 12 meses, en xornada laboral a tempo completo ou a media xornada. Favorecerase a continuidade destes traballadores despois desta axuda por 1 ano, puntuándose máis alto o compromiso das entidades e colectivos para continuar o contrato posteriormente.

Para as empresas, serán subvencionables o 70% dos custos salariais e de cotización empresarial á seguridade social –en base aos convenios colectivos existentes que rexen dentro do marco lexislativo- e para a segunda, asociacións, o 100% dos custos salariais. Exclúense destes beneficios ás persoas traballadoras que nos 6 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou asociación. Quedarán excluídas tamén as entidades en concurso ou con despidos improcedentes.

Axudas material escolar
Tal e como dera a coñecer o luns 29 de agosto o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno aprobou as axudas para a adquisición de material escolar e didáctico para alumnos e alumnas de educación infantil. O Concello destina 36.500 euros a estas bolsas, que consisten nun vale desconto por un importe de 80 euros, que chegarán a preto de 450 alumnos.

A convocatoria sairá publicada no Boletín Oficial da Provincia e na Plataforma Bases Nacionais de Subvencións. O formulario estará a disposición dos interesados na área de Educación, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, así como no propio BOP. As solicitudes presentaranse no Rexistro Municipal.

Encomenda de xestión Cuartel de San Fernando
Miguel Fernández deu conta de que, entre outros asuntos, a Xunta de Goberno acordou encargar a Evislusa a encomenda de xestión para as tarefas de dirección de obras e de execución material das obras contidas no proxecto básico e de execución para o desenvolvemento das obras a realizar no cuartel de San Fernando, financiadas nun 50% entre Concello e Xunta de Galicia.

Audio

  • Miguel González, voceiro municipal, sobre o plan de emprego (Con) trato feito! | Descargar mp3

Noticias relacionadas