Aprobada en Pleno a organización do Concello

Saíu adiante a proposta do Goberno local, que, subliñou o voceiro municipal, “se fundamenta no aforro, garante a prestación de servicios de calidade e protexe a dignidade da actividade política como vocación de servicio público”

O Executivo ten a man tendida para o diálogo e o consenso con todas as forzas políticas, “aínda que iso non significa que sempre cheguemos a acordos”

Venres, 10 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Pleno extraordinario

A organización que rexerá o funcionamento orgánico do Concello de Lugo neste novo mandato aprobouse este venres nun Pleno extraordinario, tanto a data e horario das sesións plenarias, como a creación das comisións permanentes ordinarias e especiais, o réxime retributivo da Corporación e a necesaria modificación orzamentaria para darlle cobertura.

Tras o debate entre os voceiros dos seis grupos municipais, que abordaron ditos asuntos de maneira conxunta por estar estreitamente relacionados, saíu adiante a proposta defendida polo equipo de goberno. O voceiro do Executivo municipal, Miguel Fernández, explicou que a nova data e horario dos plenos –o último xoves de mes, ás 10.00 horas- “obedece á nova realidade política. Ao ser seis grupos, entendemos que as sesións se podían dilatar máis que no mandato anterior e, por iso, se tomou a determinación de pasalos á mañá”.

En canto ás 5 comisións permanentes ordinarias e especiais creadas para fiscalizar os asuntos do Pleno, Fernández explicou que se nutren de xeito proporcional polos representantes dos diferentes grupos políticos, resultando a seguinte composición: a alcaldesa, dous representantes do PSOE, 3 do PP, e 1 por cada unha das restantes forzas: Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE.

Contención do gasto

En canto á proposta de modificación do Orzamento do 2015, é necesaria para dar cobertura ao novo réxime retributivo da Corporación, en concreto, á nova distribución das dedicacións exclusivas dos concelleiros e a asignación aos grupos políticos. Neste senso, Miguel Fernández subliñou que, “conscientes e sensibles coa situación de crise que vive a cidadanía”, o goberno fixo “un esforzo importante para axustar ao máximo o gasto”, marcando, iso si, dúas liñas vermellas: “garantir a prestación dos servicios municipais e reflectir co reparto de dedicacións e asignacións aos grupos a confianza obtida polos veciños e veciñas de Lugo o 24 de maio”.

A proposta do goberno, “froito do consenso e do permanente diálogo co resto de grupos”, incidiu Fernández, establece 9 dedicacións exclusivas, incluída a da Alcaldesa, e outras 9 parciais, e, na asignación a grupos, 1.200 euros como compoñente fixo, e 500 por concelleiro”.

As indemnizacións por asistencia a Pleno están limitadas como marca a Lei aos concelleiros que non teñen dedicación e, despois de eliminar a Mesa de Contratación, soamente se percibirán por acudir a dous órganos: a propia sesión plenaria e as comisións informativas.

Salarios

O voceiro municipal subliñou que a proposta do Goberno “fundaméntase no aforro, garante a prestación de servicios de calidade e protexe a dignidade da actividade política como vocación de servicio público”. En canto aos salarios correspondentes á Alcaldía e dedicacións exclusivas e parciais, son exactamente do mesmo montante que os aprobados no pleno de organización do 2011.

Diálogo con todos

Por outra banda, Fernández subliñou que o diálogo co resto de forzas políticas “foi máximo”, pois a Alcaldesa, Lara Méndez, recibiu a todos e cada un dos voceiros en máis dunha ocasión para abordar os asuntos do Pleno de organización, e, de feito, froito desas continuas conversas incorporáronse cambios á proposta inicial do goberno. “Tendemos a man para o diálogo e o consenso, que será unha máxima neste mandato, con todas as forzas políticas, non só coas máis próximas ideoloxicamente, aínda que iso non signifique que cheguemos sempre a acordos”, destacou a rexedora

Xunto ao debate deste cinco puntos –data e horario dos plenos, creación de comisións ordinarias e especiais, dedicacións e asignacións a grupos e modificación orzamentaria-, no Pleno de hoxe deuse conta da constitución dos grupos políticos municipais, a composición e funcionamento da Xunta de Goberno Local, a distribución das áreas de goberno, o cadro de persoal de apoio e a asignación de concelleiros a órganos colexiados con representación municipal.

Noticias relacionadas