A aposta pola mobilidade inclusiva da Alcaldesa traspasa murallas: Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo a 30Km/h

A Alcaldesa anunciou esta medida, que será efectiva dende mañá martes, 26 de setembro. Obedece ás políticas de mobilidade que está a levar o Goberno, que responden a unha única meta: conseguir unha cidade sostible

Bicicletas e vehículos convivirán con esta iniciativa, cuxa idea, como calquera outra acción política, é priorizar, e neste caso o Goberno prioriza á persoa sobre o vehículo de motor. Responde ademais a unha demanda de colectivos educativos

Luns, 25 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A aposta pola mobilidade inclusiva da Alcaldesa traspasa murallas: Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo a 30Km/h

Lugo ten que ser cada vez máis peonil, e iso é un modelo que ten moi claro o Goberno, para o que o futuro pasa por recuperar espazos públicos para o seu uso público, por restarlle espazos aos vehículos e devolverllos ás persoas. E nesta liña está o novo avance en materia de mobilidade inclusiva da Alcaldesa, que transpasa murallas.

A Avenida Ramón Ferreiro e a rúa Rodríguez Mourelo será dende mañá martes, 26 de setembro, zona con limitación a 30 kilómetros por hora, coexisindo o tráfico dos vehículos co das bicicletas.  Así o deu a coñecer este luns, no inicio da propia avenida, Lara Méndez, quen subliñou que esta acción obedece ás políticas de mobilidade que están a levar a cabo dende o Goberno, que a pesar de que se implanten de forma progresiva e paulatina, responden a unha única meta: conseguir unha cidade sostible.

Nesta liña, a rexedora lembrou os distintos beneficios que se perseguen con esta nova medida, e que, aínda que en primeira instancia supón unha mellora da seguridade, tamén figura o de recuperar espazos para o disfrute da veciñanza, e reducir a contaminación acústica e medio ambiental, unha premisa de sostibilidade que actúa de denominador común con outros proxectos, como por exemplo o Muramiñae, unha iniciativa que inclúe 16 quilómetros de carril bici entre a cidade e o Miño.

A Alcaldesa tamén explicou que coa implantación desta nova zona a 30 kilómetros por hora, se atende a unha demanda de colectivos educativos, "posto que estamos a falar dunha zona de centros educativos, con presenza tanto de colexios, institutos ou facultades". A idea desta medida, como calquera outra acción política, é priorizar, e neste caso o Goberno prioriza, de novo, ao péon, á persoa, sobre o vehículo de motor.

Tras o anuncio desta medida, na que o Goberno leva traballando dende xullo, Lara Méndez, acompañada do Voceiro Municipal, Miguel Fernández, supervisaron a sinalización vertical das dúas vías, que se acometeu en xornada de mañá. Xa de tarde terá lugar a sinalización horizontal de Ramón Ferreiro, deixando para a noite a de Rodríguez Mourelo.

Audio

Multimedia

  • A aposta pola mobilidade inclusiva da Alcaldesa traspasa murallas: Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo a 30Km/h

Noticias relacionadas