Apoio unánime da Corporación Municipal á continuidade da Banda e a Escola Municipal de Música de Lugo

Na reunión deste luns da Xunta de Voceiros, todos coincidiron na importancia de manter estes servizos, altamente demandados, habendo na actualidade máis de 700 alumnos e 1.000 matriculados, cunha lista de espera de 400 persoas

A totalidade dos grupos políticos apoian ao Goberno para presentar un recurso de casación contra a sentenza do TSXG. De xeito paralelo, o Goberno traballa na elaboración da nova RPT

Luns, 31 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Apoio unánime da Corporación Municipal á continuidade da Banda e a Escola Municipal de Música de Lugo

A Corporación Municipal apoia de xeito unánime a continuidade da Banda e a Escola Municipal de Música de Lugo. Así o ratificaron todos os grupos políticos na reunión de urxencia da Xunta de Voceiros celebrada a primeira hora desta mañá, convocada pola Alcaldesa, Lara Méndez, para entre todos analizar a situación xerada pola Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre ambos os servizos municipais. Nesta xuntanza, todos os grupos políticos coincidiron na importancia de manter estes servizos que presta o Concello, altamente demandados, habendo na actualidade máis de 700 alumnos e 1.000 matriculados, cunha lista de espera de 400 persoas.

Do mesmo xeito, a totalidade dos grupos políticos apoian ao Goberno para tomar as medidas necesarias para garantir a continuidade tanto da Banda como da Escola. Nesta liña, a rexedora aclaroulles aos voceiros que a intención do Concello é presentar un recurso de casación, que se levará a trámite se así o cree oportuno a Asesoría Xurídica, e asegurou que existe suficiente xurisprudencia do Supremo para defender tanto a Escola como a Banda Municipal de Música, posto que di que cando se motive a excepcionalidade do caso, se poderán dar máis funcións e máis salario a funcionarios municipais. Máis excepcionalidade que máis horas e máis salario é o feito de crear un servizo novo, como foi no seu momento a Escola Municipal de Música de Lugo.

Ademais, paralelamente, o Goberno traballa na nova Relación de Postos de Traballo, tanto como vía para solventar esta situación, buscando a excepcionalidade; como ferramenta para garantizar a sostibilidade no ámbito laboral do Concello.

O Concello de Lugo pide tranquilidade á cidadanía e aos usuarios, porque é vontade de toda a Corporación garantir ambos os dous servizos por ser primordiais para os lucenses.

Audio

Noticias relacionadas