A anulación do crédito de 3,3M€ deste 2016 demostra “unha xestión rigorosa e a solvencia económica do Concello”

A Concelleira de Economía subliña que coa substitución da operación crediticia por remanentes de tesourería a entidade local reduce a débeda e pagará menos xuros e amortizacións

Venres, 01 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, subliñou este venres que a anulación da operación de crédito de 3,3 millóns de euros inicialmente prevista nos Orzamentos deste 2016 e a súa substitución por remanentes de tesourería para gastos xerais, resultado da Liquidación do 2015, é froito “dunha rigorosa xestión política” por parte do Goberno e pon de manifesto “a solvencia e a estabilidade económica da que goza o Concello, así como a capacidade para financiar os servizos públicos municipais con recursos propios, sen ter que acudir aos bancos”.

A medida, aprobada onte polo Pleno e que se materializará nunha modificación dos presupostos deste ano, implica, explicou Ana Prieto, “substituír unha fonte de financiamento allea, como é unha operación de crédito, por outra fonte de financiamento constituída por recursos propios, como son os remanentes de tesourería para gastos xerais”, co que “conseguimos reducir a débeda viva e a carga financeira do Concello, esto é, os xuros e amortizacións, ademais de aumentar o aforro neto futuro e mellorar a situación financeira municipal”.

Coa anulación da operación de crédito deste 2016, o Concello de Lugo non concerta ningún préstamo bancario dende hai catro exercicios económicos.

Noticias relacionadas