Ana Prieto destacou o excelente traballo realizado polo obradoiro municipal EmpregaTIC

Este taller, que remata cunha presentación no MIHL o 11 de marzo, permitiu a formación de 15 mozos e mozas lucenses

Martes, 07 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ana Prieto destacou o excelente traballo realizado polo obradoiro municipal EmpregaTIC

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, acompañada dos alumnos e alumnas do obradoiro municipal de emprego EmpregaTIC, fixo balance do que foi este taller, dividido nas especialidades de Xestión de Márketing e Comunicación e Desenvolvemento de Produtos Multimedia Interactivos.

A edil destacou a importancia deste tipo de proxectos, que fomentan a aprendizaxe a través da práctica, e que permiten aos participantes a obtención de certificados de profesionalidade oficiais, un valor engadido para o seu curriculum. Ademais, Prieto asegurou que o EmpregaTIC cumpriu un dobre obxectivo, por unha banda mellorar as posibilidades de inserción laboral dos 15 mozos e mozas participantes nun xacemento de emprego como son as novas tecnoloxías, sector que no 2013 deu traballo a preto de 1,6 millóns de persoas en España de forma directa e indirecta, e, por outra, poñer en valor o patrimonio documental, natural e histórico de Lugo.

O taller comezou o pasado 29 de setembro no Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo (CEI-NODUS) e está financiado pola Xunta de Galicia. Grazas a el púxose en valor e difundiuse o patrimonio documental e histórico do municipio, dixitalizado e recuperado por obradoiros anteriores como Urbs Lucus, Arqueo Lucus ou A Memoria da Cidade. Para logralo, as dúas especialidades traballaron de forma coordinada desenvolvendo contido e material gráfico, e planificando a súa difusión.

A especialidade de Márketing traballou dende os primeiros días na análise de datos e a investigación sobre o uso das ferramentas de comunicación social, para chegar ao seu público obxectivo. Levaron a cabo análises da competencia e do mercado para completar un plan de márketing online e offline con propostas de promoción do traballo realizado.

Para lograr todo isto empregaron fontes de información primarias e secundarias, e ferramentas de monitorización que lles permitiron levar a cabo unha análise cuantitativa e cualitativa das conversacións en redes sociais por parte dos concellos cos seus cidadáns.

Este grupo de rapaces e rapazas, organizou ademais un evento pioneiro na cidade de Lugo que servirá para expoñer todo o traballo de dixitalización dos Obradoiros ata a actualidade. Este congreso, que terá lugar o día 11 de marzo ás 14.15 horas, será o broche de ouro destes meses de entrega absoluta dos alumnos traballadores. Implicou adquirir coñecementos de organización de eventos, protocolo, calendarización de redes sociais, márketing de contidos, xestión de CMS, plans de comunicación e medios, coñecementos de SEO e marketing dixital, así como elaboración de contidos publipromocionais.

Por outra banda, a especialidade de Desenvolvemento de Produtos Multimedia Interactivos, centrouse na elaboración dunha aplicación web con planos e imaxes dos séculos XVIII, XIX e XX, á que se poderá acceder, unha vez que remate o taller, a través da web municipal, un libro no que se recollen imaxes pasadas e actuais de determinados lugares, de xeito que se poden apreciar os cambios experimentados, e tamén realizaron un documental de presentación dos obradoiros municipais. Todo o seu contido foi realizado pola especialidade de Márketing.

Audio

Noticias relacionadas