Ana González participa na presentación dunha obra de teatro a beneficio de Auxilia

Martes, 21 de maio de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira; a vogal de Xuventude de Auxilia, Mónica Cardelle, e o director da compañía Hipócrita Teatro, Carlos Rebolo, presentaron hoxe a obra de teatro "Unha historia con pau" que se levará a escena o sábado a beneficio de Auxilia Lugo.

A Concelleira de Benestar Social animou a todas as persoas interesadas no teatro a asistir a esta obra, xa que “toda recadación será entregada a Auxilia para que siga coa súa labor de máis de 40 anos a prol das persoas con discapacidade e das súas familias”.

Mónica Cardelle salientou que un dos obxectivos de Auxilia Lugo é “chegar a cultura a todas as persoas e, sobre todo, ás persoas con discapacidade”.

Pola súa parte, Carlos Rebolo declarou que “tamén no mundo da Cultura estamos vivindo momentos difíciles, pero precisamente por iso cremos máis que nunca en actuar por amor á arte”.

“Unha historia con pau”, explicou Rebolo, “fala da forza de vontade para superar atrancos, da capacidade humana para reinvertarse a cada instante e da maxia do teatro para espertar conciencias durmidas” e engadiu que “ogallá poidamos ver este sábado, no Auditorio, moitas familias cos seus nenos e os seus maiores, moitos colaboradores de Auxilia e, sobre todo, moitas persoas solidarias”.

A obra trata do máxico encanto do pau dunha vasoira, un pau que pode ser un cabalo, unha espada, unha muleta…mesmo unha buxaina e supón unha homenaxe ás mentes emprendedoras, ós nenos e nanas de 3 a 100 anos que manteñen a habilidade de tecer os seus soños cos fíos da perseveranza.

A función terá lugar este sábado, ás 19.00 horas, no Auditorio Gustavo Freire. O prezo das entradas é de 5 euros.

Multimedia

Noticias relacionadas