Ana Abelleira recoméndalle á cidadanía agasallar libros e xoguetes non sexistas

Faino aproveitando a proximidade da chegada dos Reis Magos e ao abeiro da campaña de sensibilización posta en marcha pola Casa da Muller a mediados do pasado mes de decembro, cuxa finalidade é concienciar ás familias e promover a igualdade e non sexismo dende idades temperás 

Martes, 02 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, quixo recomendarlle este martes á veciñanza que agasalle libros e xoguetes non sexistas. Faino aproveitando a proximidade da chegada dos Reis Magos e ao abeiro da campaña de sensibilización posta en marcha pola Casa da Muller a mediados do pasado mes de decembro, do mesmo xeito que xa se fixera o ano pasado. A finalidade é concienciar ás familias e promover a iguladade e o non sexismo dende idades temperás.

A literatura infantil ten un potencial educativo que a converte en ferramenta de socialización de primeira orde, na que se van interiorizando os valores e actitudes de cada persoa. De aí que, para construír unha sociedade máis igualitaria, a lectura infantil e xuvenil constitúa un instrumento para axudar a rachar coas ideas estereotipadas que existen na actualidade sobre as mulleres e homes e que amose unha visión do mundo baseada na igualdade, no respecto e na liberdade.

No que se refire aos agasallos a iniciativa inclúe 10 claves para a compra responsable e non sexista de xoguetes: que poidan xogar nenas e nenos indistintamente, que evite a transformación de estereotipos sexistas e non fomente a violencia, que facilite poder xogar cos demais e as relacións entre iguais, que non favoreza a rivalidade, que potencie as relacións cooperativas, que poida xogar calquera nena e non só quen teña habilidades moi específicas, que esperte o desexo de xogar, que desenvolva a imaxinación e a creatividade, que estimule a súa curiosidade e que potencie a capacidade de pensar.

Audio

  • Ana Abelleira, sobre agasallar libros e xoguetes non sexistas | Descargar mp3

Noticias relacionadas