Amor e familia, ingredientes da oferta do Festival para este mércores de retranca

Outro dúo, este de Tonys e por riba parentes, Tony Antonio (o pai) e Tony Melero (o fillo), defenderán que o humor non é ningunha broma

Ás 19,30 horas, inaugúrase este mércores no MIHL a expo “El Jueves. Retranca im-presa”

Martes, 07 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

"Unha viaxe ao máis recóndito dos nosos sentimentos da man dun mestre do humor e doutro do terror". Esa é a proposta que abre mañá mércores día 8 a sesión de tarde do Festival Internacional. Os escritores e guionistas (ou viceversa), Pep Bras e Manel Loureiro, un catalán e estoutro galego, serán os protagonistas deste mércores de retranca. A cita é a partir das 20 horas na sede central do encontro, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Ambos os dous escritores analizarán, mesmo á vaiche boa, un tema do máis serio: "A vida conxugal".

Outro dúo, este de humoristas e por riba, composto por un pai e un fillo, os Tonys Antonio e mais Melero, porfiarán, sen ánimo de contradicírense, sobre a seriedade do humor. "O humor profesional non é unha brincadeira", disque. Polo menos, iso di o título da parolada que ambos os dous manterán mañá no MIHL ás 21 horas.

Trinta e oito anos de El Jueves

Pouco antes, a iso das 19,30 horas, inaugurarase no Interactivo da Historia unha das tres exposicións do Festival: “El Jueves. Retranca im-presa”, titúlase. É unha mostra conmemorativa dos primeiros 38 anos da revista satírica máis famosa e disque controvertida do país; esa que adoitaba saír “os mércores”. As 1.900 portadas publicadas por El Jueves ata o de agora proxectaranse cada dous minutos ininterrompidamente. Os visitantes poderán así contemplar dende “as cincuenta sombras do Rei ata os pendóns do humor, pasando pola frugal independencia catalá”.

Pola súa banda, esta terceira xeira do festival, a Carpa das Letras Retranqueiras instalada na Praza Maior volverá ofrecer aos lugueses (de 17 a 21 horas) a máis interesante escolma da literatura nacional e internacional, mentres os establecementos da cidade “co bo humor garantido” seguirán ofrecendo tapas con retranca e, posiblemente, “a peor cervexa do mundo (ou non)”, a Retrancus.

O humor e a dupla intención tamén contaxiaron a cocina do chef Santi Almuíña. As Xornadas de Alta Cociña con Retranca que se desenvolven no seu local prometen o imposible: exquisiteces onde “ren é o que semella”.

A Concellaría de Cultura, promotora do festival, habilitou un servizo de bus completamente de balde para facilitar os desprazamentos aos eventos que se desenvolven no MIHL. É unha liña de transporte que parte acotío ás 19,30 horas dende o campus universitario (diante da Facultade de Humanidades) e ás 19,45 horas dende a Ronda da Muralla (edificio sindical), e co regreso previsto para as 22,15 horas.

Noticias relacionadas