Alumnos e alumnas do CEIP Illa Verde expuxeron, un ano máis, os seus traballos sobre sostibilidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente

Os rapaces e rapazas presentaron un traballo sobre as medidas a tomar no seu centro para ser sostibles medioambientalmente

Venres, 05 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo en funcións, José López Orozco, e o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente en funcións, Luis Álvarez, participaron esta mañá nunha actividade que levaron a cabo alumnos do Ceip Illa Verde con motivo da celebración nesta xornada do Día Mundial do Medio Ambiente. No acto tamén estiveron membros do profesorado do centro.

A actividade consistiu na exposición do traballo realizado durante este curso por alumnos de quinto de Primaria deste centro escolar grazas a un programa de formación medioambiental que desenvolve o Concello. Nesta ocasión, o tema das actividades era a sostibilidade ambiental e o consumo responsable e sobre elo traballaron os alumnos.

Nesta ocasión, xa que a actividade leva desenvolvendose neste colexio dende o ano 2007, os nenos e nenas despois de estudar a sostibilidade fixeron un safari fotografico para evidenciar no propio centro escolar aquelas cuestións que se poderían mellorar para ser máis sostible. Así, estudaron algúns dos problemas detectados e buscaron algunhas solucións sinxelas, como poden ser problemas de iluminación e falta de luz, fallos nos fluorescentes, a acontaminación acústica, a temperatura dentro das aulas, a xestión de residuos, o consumo de auga, e os materiais ou espazos que se poden reutilizar.

Este programa dirixido a alumnos e alumnas de 4º, 5º ou 6º de Educación Primaria pretende estimular aos rapaces/as para que analicen e tomen decisións baseadas no valor que para eles teñen os produtos en termos de necesidades e desexos: tamén pode axudar aos individuos a tomar decisións que poden incumbir a unha comunidade máis ampla como pode ser a escola e a familia. As sesións remataron hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, coa exposición dos traballos que fixeron neste tempo.

Logo de asistir á exposición dos traballos, o Alcalde recoñeceu sentirse sorprendido unha vez máis pola presentación do traballo, “e salgo da sesión coa sensación de que estes nenos e nenas están aprendendo o suficiente en materia de medio ambiente de cara ao futuro “ e incidou en que “non hai mellores persoas para concienciar sobre a necesidade de cuidar do medio ambiente como os máis pequenos”. López Orozco tamén salientou a importancia de que os profesores se involucraran nesta iniciativa que promove o Concello para formar cidadáns respectuosos co medio ambiente dende o ano 2007.

Multimedia

Noticias relacionadas