Alumnos do Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación de Galicia coñecerán este venres as instalacións do Impulso Verde

A visita servirá como clausura da sexta edición do curso, dirixido a xefes de obra, encargados, técnicos e traballadores en xeral do sector da construción.

Así mesmo, o Concello exporá mañá o proxecto Life Lugo+Biodinámico, no que se enmarca este pioneiro edificio, no Congreso Internacional de Pedagoxía Social.

Este foro, que acolle a Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra, reúne a expertos de España, Portugal, México, Brasil, Italia ou Canadá.

Xoves, 04 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alumnos do Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación de Galicia coñecerán este venres as instalacións do Impulso Verde

Preto dunha trintena de alumnos do Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación de Galicia (CEGOR) coñecerán este venres, a partir das 17:30 horas, as instalacións do edificio Impulso Verde, que o goberno de Lara Méndez está a executar na Garaballa, ao abeiro do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, cofinanciado pola UE.

Esta visita celebrarase como clausura da sexta edición do curso, que promove o Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construción nas instalacións do Centro de Referencia de Formación en materia de Rehabilitación da fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, en Santiago de Compostela.

Trátase dun curso eminentemente práctico dirixido a xefes de obra, encargados, técnicos e traballadores en xeral do sector da construción, que teñen inquietude por reorientar as súas carreiras profesionais cara á rehabilitación e a renovación urbana.

A formación, que comezou no mes de marzo, impártese os venres pola tarde e os sábados pola mañá, e finalizará mañá coa visita a unha obra destacada e de interese, baixo o punto de vista da filosofía de innovación desde o coñecemento que inspira o curso, como neste caso é o Impulso Verde, o primeiro edificio público da comunidade que se constrúe con madeira de Galicia.

O inmoble será, así mesmo, a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se deseña en España dende cero, e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias sostibles para combater os efectos do cambio climático e contribuír á protección do medio ambiente e a biodiversidade.

Congreso Internacional SIPS 2021

Este mesmo venres terá lugar na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC o Congreso Internacional SIPS 2021, Seminario lnteruniversitario de Pedagoxía Social, baixo o título Educación Ambiental e Cultura da Sustentabilidade: construíndo a transición ecolóxica, no que o Concello de Lugo expoñerá o proxecto LIFE Lugo+Biodinámico.

Todas as conferencias emitiranse a través dunha canle creada especificamente para este evento, ao que terán acceso as persoas matriculadas. Deste xeito, a sesión deste venres 5 de novembro será retrasmitida en streaming desde a sede oficial do Congreso, a  Facultade de Formación  do Profesorado do Campus de Lugo, coa presenza dos e das relatoras e do público que se inscribiu para participar presencialmente.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, será a encargada de clausurar esta nova edición do Congreso, na que participarán numerosos expertos do ámbito universitario de toda España, Portugal, México, Brasil, Italia ou Canadá, entre outros países. O obxectivo do foro será abordar o reto da transición ecolóxica e a loita contra o cambio climático dende o punto de vista da pedagoxía e a educación social.

Noticias relacionadas