Alumnos alemáns coñecen o Concello da man da Alcaldesa

Lara Méndez recibiu aos 12 alumnos dun instituto de Landau que se atopan de intercambio co IES Sanxillao

Venres, 04 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alumnos alemáns coñecen o Concello da man da Alcaldesa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este venres no Salón de Plenos aos 12 alumnos alemáns do instituto Eduard-Spranger Gymnasium da cidade de Landau, próxima a Estrasburgo, que están de intercambio nestes días co instituto San Xillao. Os estudantes, de entre 14 e 15 anos, acudiron acompañados dunha ducia de alumnos e alumnas lucenses, da directora e da profesora de alemán do instituto lugués e de dúas mestras do centro alemán.

No acto de benvida, a rexedora destacou a importancia de viaxar e coñecer a cultura doutros países e o seu idioma. Tamén aproveitou para agradecer o traballo que realizan os profesores de ambos centros, que fan posible o intercambio de experiencias entre alumnos lucenses e europeos, ao tempo que convidou aos rapaces a descubrir a historia de Lugo e a gozar da cidade.

Os estudantes interesáronse durante a recepción polas persoas que ocupan as cadeiras nas que se sentaron do Salón de Plenos e polas funcións que estas desempeñan, canto tempo leva Lara Méndez como Alcaldesa, as súas funcións e tamén a súa idade.

Por parte dos profesores, agradeceron á rexedora a súa receptividade e propuxeron estudar a posibilidade de que Lugo e Landau se irmanden, dado os estreitos lazos que se forxaron nos últimos anos entre as comunidades educativas de ambas cidades. Méndez acolleu esta idea sinalando que o vindeiro ano se desprace a Lugo algunha autoridade institucional de Landau para avanzar nesta proposta.

Os estudantes alemáns, que marchan o vindeiro luns, pasan en Lugo 7 días. Previamente á súa viaxe xa mantiveron contacto cos alumnos lucenses a través de redes sociais. Os alumnos do Sanxillao visitarán Landau do 4 ao 11 de abril.

Na súa estancia, os estudantes de intercambio visitaron A Mariña, A Coruña e os museos da cidade, e asistiron á obra en inglés Royal Flush, enmarcada dentro da XVI Mostra de Teatro Clásico de Lugo, organizada polo Concello, entre outras actividades.

Noticias relacionadas