Alume conta cunhas novas instalacións para atender a persoas que padecen enfermidades mentais

Lara Méndez, Ana González Abelleira e Álvaro Santos participaron na inauguración deste novo Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral en Lugo, que se atopa situado na Rúa Illa Coelleira

O Concello colabora con Alume cunha subvención nominativa de 10.000 euros, no seu traballo por intentar buscar a integración a todos os niveis e en todos os eidos

Luns, 10 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alume conta cunhas novas instalacións para atender a persoas que padecen enfermidades mentais

A Asociación Alume inaugurou este luns o seu novo Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral en Lugo, coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental. Este novo local que se atopa situado na Rúa Illa Coelleira, 3, no barrio de Montirón, nunhas instalacións máis amplas, accesibles e abertas a tódolos interesados. Este centro conta con 400 metros cadrados aproximadamente e dispón de locais de informática, para terapias, multiusos e despachos.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, entre outras autoridades, acompañaron ao presidente de Alume, Manuel Fernández, na visita que realizaron polas novas instalacións desta asociación.

Ademais, a rexedora explicou que “o Concello colabora con Alume cunha subvención nominativa de 10.000 euros, no seu traballo por intentar buscar a integración a todos os niveis e en todos os eidos, tan necesaria para seguir avanzando como sociedade, porque se unha sociedade deixa unha parte fóra non avanza e non se conseguirá unha sociedade completa e igualitaria”.

Lara Méndez destacou “a importancia de darlle visibilidade ás persoas con algunha enfermidade mental, posto que a falta de desinformación e do coñecemento destas doenzas producen un rexeitamento na sociedade, algo que non se pode consentir en pleno século XXI”, polo que indicou que “todos e todas temos que sumar para lograr que estas persoas se incorporen de pleno dereito á sociedade, erradicando así a discriminación que sofren”.

Pola súa banda, Álvaro Santos, subliñou o compromiso do organismo provincial con este colectivo "co que colaboramos ano a ano porque estamos convencidos da importancia da súa labor na configuración dunha provincia máis xusta e igualitaria". Neste senso, lembrou a achega provincial de 50.000 euros para financiar parte do acondicionamento da súa nova sede; así como outras colaboracións, como por exemplo no obradoiro de formación pre-laboral, que conta cun orzamento provincial de 11.000 euros.

Campaña de FEAFES
Lara Méndez e Ana González Abelleira tamén participaron na campaña Eu non teño prexuízos, realizada pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) con motivo do Día Mundial da Saúde Mental. Esta campaña, que se está a levar a cabo nas redes sociais, ten a finalidade de loitar contra os falsos mitos que existen arredor das persoas con problemas de saúde mental.

En Galicia existen arredor de 30.000 persoas con problemas de saúde mental, sendo a segunda causa de discapacidade despois da física e estímase que unha de cada catro persoas padecerá un problema de saúde mental ao longo da súa vida.

Multimedia

  • Alume conta cunhas novas instalacións para atender a persoas que padecen enfermidades mentais

Noticias relacionadas