Alexandre Penas solicita a Telefónica que retire as cabinas inutilizadas da cidade

O edil de Infraestruturas enviou unha carta ao director da zona norte de Telefónica, na que solicita a retirada das cabinas “que están a supoñer problemas para a accesibilidade”

O Goberno de Lugo busca avanzar “na mellora da imaxe da cidade, avanzando na retirada dunhas infraestruturas completamente obsoletas como fixeron noutras cidades do estado”

Xoves, 04 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alexandre Penas solicita a Telefónica que retire as cabinas inutilizadas da cidade

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, vén de remitir unha carta ao director da zona norte de Telefónica, Manuel Alonso, para solicitar a retirada das cabinas telefónicas inutilizadas que están instaladas no concello de Lugo. O concelleiro de Infraestruturas defende que “no Concello de Lugo contamos con varias cabinas telefónicas que están completamente abandonadas, e que están a supoñer problemas para a accesibilidade de moitas veciñas e veciños”.

Alexandre Penas explicou que “a lexislación vixente permite a retirada das cabinas que non foron utilizadas durante o último ano ou as que non funcionan”, e engadiu “desde o Goberno de Lugo buscamos mellorar a imaxe da cidade retirando infraestruturas que quedaron completamente obsoletas”. Desde a concellería de Infraestruturas Urbanas búscase abrir vías de colaboración con Telefónica para “retirar todas as cabinas que sexan posibles, cumprindo coa legalidade vixente”, segundo explicou Alexandre Penas.

O edil de Infraestruturas busca “replicar as accións que xa se fixeron noutras cidades de todo o estado” para “mellorar a imaxe da cidade e o benestar das veciñas e veciños.

Audio

  • O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, sobre as cabinas telefónicas | Descargar mp3

Noticias relacionadas