As alcaldesas de Lugo e A Coruña instan á Xunta a reverter nos Concellos os fondos para a recuperación na etapa post - covid

A rexedora, Lara Méndez, recibiu hoxe no Concello á súa homóloga coruñesa, Inés Rey, para estreitar lazos de colaboración e apostar pola trasformación urbanística das cidades en clave de sostibilidade.

Ámbalas dúas mandatarias acordaron igualmente traballar de forma conxunta en favor da igualdade e da visibilización social das mulleres en todos os ámbitos da sociedade.

Xoves, 16 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As alcaldesas de Lugo e A Coruña instan á Xunta a reverter nos Concellos os fondos para a recuperación na etapa post - covid

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu esta mañá á súa homóloga do municipio de A Coruña.

Ámbalas dúas rexedoras reuníronse na Casa Consistorial onde Lara Méndez e Inés Rey conversaron sobre o importante papel que as Administracións locais exercen nesta etapa de recuperación post - pandémica “para a que resulta fundamental o bo entendemento e a colaboración institucional”, subliñou a alcaldesa lucense.

Durante o encontro, as dúas mandatarias sinalaron a súa aposta pola transformación urbanística das cidades, “un proceso que en Lugo comezamos hai sete anos centrando na sostibilidade todas as nosas estratexias de mellora e crecemento do municipio, recuperando e creando novos espazos para a veciñanza cun criterio que os condicionantes que impuxo a pandemia amosaron conveniente e atinado”, sinalou Lara Méndez.

“O noso impulso á transformación da cidade actual pero tamén para ser pioneiros no deseño dos barrios adaptados á loita contra co cambio climático contemplan solucións sostibles tanto urbanísticas como no deseño dos espazos urbanos e nas edificacións co obxectivo último de cambiar hábitos de vida, máis saudables para a poboación”, engadiu a alcaldesa lucense.

Afirmacións que tamén compartiu Inés Rei quen puxo de manifesto a vontade do Goberno coruñés por apostar “por políticas públicas que poñan aos cidadáns no centro e que como en Lugo, recuperen espazos a través das peonalizacións, propiciando alén unha mobilidade sostible.

As dúas rexedoras constataron tamén a necesidade de reforzar o sistema de financiación dos Concellos, tanto por parte estatal como autonómica.

“Xa que somos as Administracións locais as que estamos a asumir numerosas competencias impropias, pola proximidade que temos coa veciñanza, especialmente dende a chegada da pandemia”, indicaron Lara Méndez e Inés Rey ao tempo que instaron á Xunta de Galicia a devolver a factura COVID, que ámbalas dúas institucións situaron próxima aos 30 millóns de euros, “sen recibir nin un só euro do Executivo galego pese a que este obtivo para este fin case 2.000 millóns de euros do Estado”, lembrou a rexedora lucense.

“O abandono foi total até o punto de que en toda a pandemia o señor Feijoo nunca mantivo unha reunión cos alcaldes e alcaldesas das grandes cidades galegas nin se interesou polas necesidades da súa veciñanza”, asegurou.

Méndez subliñou tamén o peso que soportan as Administracións local na asunción de competencias ordinarias, que lle corresponden ao ente autonómico, e que, no caso de Lugo, cuantificou en máis de 13 millóns de euros anuais. O que exemplificou co “1.300.000 euros que destinamos ás escolas infantís ou o preto dun millón de euros ao pago dos 9 comedores escolares”.

As alcaldesas de A Coruña e Lugo analizaron tamén a situación das infraestruturas pendentes de conexión de ambas cidades, así como a necesidade de mellorar todas as alternativas de transporte público entre ambas provincias.

Por último, Inés Rey e Lara Méndez puxeron en común a necesidade de que as dúas, “dende a responsabilidade que temos como únicas alcaldesas das grandes cidades galegas, traballemos conxuntamente en favor da igualdade e da visibilización social das mulleres en todos os ámbitos da sociedade”. Unha necesidade que a rexedora herculina visualizou referindo que Galicia está á cola de España en número de mulleres alcaldesas cun 17%, fronte a 82% de rexedores.

“E o mesmo sucede nos postos de representación dos axentes económicos e dos postos directivos das empresas, vémolo todos os días nos actos aos que nos convidan, polo que temos a responsabilidade como representantes públicas de visibilizar o papel da muller na sociedade e niso tamén traballaremos conxuntamente”, concluíu Rey.

No transcurso da xuntanza, Lara Méndez entregoulle á mandataria da cidade Herculina, un libro sobre a historia de Lugo e o pin de prata do Concello como regalos institucionais.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a visita de Inés Rey, alcaldesa da Coruña | Descargar mp3
  • A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, sobre a visita á Lara Méndez, alcaldesa de Lugo | Descargar mp3

Multimedia

  • As alcaldesas de Lugo e A Coruña instan á Xunta a reverter nos Concellos os fondos para a recuperación na etapa post - covid
  • As alcaldesas de Lugo e A Coruña instan á Xunta a reverter nos Concellos os fondos para a recuperación na etapa post - covid

Noticias relacionadas