A Alcaldesa solicita á Xunta un plan conxunto para poñer en valor o Camiño ao seu paso por Lugo

Lara Méndez mantivo un encontro coa directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada do Goberno galego na provincia, Raquel Arias, no que lles demandou un plan especial de adecentamento da Muralla

Colaboración para abrir na cidade outra oficina de turismo e apoio ás festas de interese turístico foron outras das cuestións abordadas

Venres, 18 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mantivo un encontro coa directora da Axencia Turismo de Galicia

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este venres un encontro coa directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada do Goberno galego na provincia, Raquel Arias, na que a rexedora solicitou á Xunta un plan conxunto de traballo para mellorar e poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio lucense, que mesmo podería incluír a peonalización da Calzada Romana. Neste senso, o Concello enviaralle a Turismo un estudo coa estimación do custe que podería supoñer esta última actuación.

Esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno local por “consolidar o turismo como motor económico e de creación de emprego no Concello. É certo que xa somos un referente, e o número de visitantes non deixa de medrar ano tras ano, pero temos que facer máis. Sabemos que hoxe somos unha cidade de paso, e queremos que os turistas se queden. Que veñan e repitan”, explicou a Alcaldesa.

Neste senso, a rexedora subliñou a necesidade de “abrir vías de comunicación e traballo entre Concello e Xunta para buscar sinerxias que impulsen o turismo e ofrezan uns servizos de calidade”.

A posta en marcha dun plan especial de adecentamento e eliminación da vexetación existente non só no adarve, senón en todo o perímetro exterior da Muralla, foi outra das iniciativas que Lara Méndez lles plantexou a Castro e Arias, tendo en conta que o monumento bimilenario “é un dos maiores referentes turísticos de Galicia e que, como ben declarado Patrimonio da Humanidade, a Xunta ten as competencias para o seu mantemento”.

A colaboración económica para abrir na cidade outra oficina de turismo, que podería materializarse a través de subvencións para a contratación de axentes de turismo máis alá da época estival foi outra das cuestións abordadas na reunión de hoxe, ademais do apoio ás festas de interese turístico.ç

Audio

  • Sobre a reunión da Alcaldesa coa directora da Axencia Turística de Galicia | Descargar mp3

Noticias relacionadas